O audiovisual, eixe condutor da Semana de Muller e Cultura de Vilagarcía

Igualdade organiza obradoiros gratuítos de Podcast, Stop Motion e Técnicas Audiovisuais A directora de O Corno, Jaione Camborda asistirá á proxección do seu film Arime o día 15 de decembro no Salón García 
Coral e Laura Piñeiro para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Coral e Laura Piñeiro participarán nunha conversa con mulleres do audiovisual. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

 A directora de O Corno, Jaione Camborda, participará na Semana de Muller e Cultura do Concello do Vilagarcía, que este ano centra o seu foco no papel das mulleres no sector audiovisual. Co obxectivo de dar visibilidade, poñer en valor e facilitar o acceso das profesionais en sectores da cultura tradicionalmente masculinos, a Área de Igualdade organiza unha programación que inclúe tres obradoiros sobre técnicas audiovisuais, a proxección de curtametraxes realizados por mulleres e conversas entre varias profesionais. Todas as actividades son de balde, previa inscrición, e desenvolveranse entre o 30 de novembro e o 16 de decembro.

A programación ábrese co obradoiro de Podcasts que impartirán Belén Teiga e Celia Eiras, autoras dos programas Violentos anos 20 e Notas ao marxe. A actividade celebrarse o xoves 30 de novembro e o venres 1 de decembro de 16.30 a 20.30 horas. O obradoiro de Stop Motion desenvolverase o 7 de decembro de 16 a 20.30 horas e o sábado 9 de 9 .30 a 14 horas. A actividade estará dirixida por Andrea Bouzo, directora e montadora que tamén se encargará de impartir o obradoiro Audiovisual, do 11 ao 14 de decembro en horario de 16.30 a 20.30 horas.

Todas as accións formativas celebraranse no Auditorio e para asistir é necesario anotarse. As interesadas en participar deberán inscribirse dirixíndose ás dependencias de Igualdade-CIM no Concello, ou mediante un correo electrónico ao enderezo [email protected].

O día 15, Jaione Camborda dirixirase ao público que acuda ao Salón García para presentar o seu film anterior Arima, que se proxectará a partir das 21.00 horas coa colaboración do Cine Club Ádega. A entrada é de balde.

E a Semana de Muller e Cultura pecharase o 16 de decembro cunha conversa con mulleres do audiovisual na que participarán as directoras vilagarciás, Laura e Coral Piñeiro, a script Mónica Alonso e a montadora Verónica Callón. Será no Salón García ás 19.00 horas e a continuación, ao redor das 20.30, proxectaranse varias curtametraxes realizadas por mulleres.