Comezan os traballos de mellora da recollida de pluviais na rúa Castiñeiro

A obra ten un investimento de 42.700 euros e permitirá acabar coas escorrentías de auga que se xeran cando chove oito
Rúa Castiñeiro en Vilagarcía. GSV
photo_camera Rúa Castiñeiro en Vilagarcía. GSV

O Goberno local fará fronte aos problemas dos regueiros de auga que baixan a raudais pola rúa Castiñeiro cando chove con intensidade. Co fin de acabar con esta situación, comezaron as obras de ampliación da rede de pluviais nas que o Concello de Vilagarcía inviste 42.770 euros de fondos propios. Esta actuación forma parte do Plan de mellora de infraestruturas nas zonas do rural e da periferia que se desenvolve a cargo da Concellería de Obras e Servizos que dirixe Lino Mouriño.

A rúa Castiñeiro, situada na zona das Bocas, ten un tramo de elevada pendente, situación que propicia que a auga da chuvia corra libremente en regueiros pola superficie da vía o que, ademais de deteriorar a infraestrutura, constitúe un risco para a circulación e unha molestia para os veciños.

Para corrixir esta situación, os traballos que está a executar a firma Marconsa consisten na instalación dun novo colector de recollida pluviais de PVC que disporá do calibre suficiente para recoller e canalizar as augas que baixan pola rúa, derivándoas á rede xeral que discorre pola Rúa Nogueira, a que transcorre polo lateral de Fexdega e desemboca en Rodrigo de Mendoza.

Os traballos comezan coa apertura das gabias e seguirán coa instalación do colector de pluviais, a execución dos pozos de rexistro e os sumidoiros necesarios e coa conexión deste tubo ao colector da rede xeral de recollida de pluviais. A obra rematará co recheo das gabias e a reposición do pavimento. O prazo de execución é de 1 mes.