O Concello volve apostar pola inclusión sociolaboral coa contratación da brigada de BATA

Un equipo composto por 3 usuarios con autismo ou discapacidade intelectual, xunto cun encargado e un preparador laboral, colaborarán cos servizos municipais 1 vez por semana ▶ O contrato ten unha duración de un ano e un custe de 9.600 euros

O Concello de Vilagarcía deu luz verde á actuación este luns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada Concello Vilagarcia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía aprobou esta mañá renovar a colaboración que mantén con BATA no marco das políticas municipais de inclusión sociolaboral das persoas con diversidade funcional. A entidade dedicada á atención de persoas con autismo e outros trastornos do espectro autista volverá a poñer a disposición do Concello unha brigada de traballadores que colaborará cos servizos municipais de Xardíns e de Medio Ambiente na realización de tarefas de mantemento, conservación e limpeza de espazos naturais de uso público. O contrato ten unha duración de un ano e un custe de 9.600 euros.

O contrato formalízase a través da sociedade BATA-Servizos Integrales a la Comunidad e consistirá na prestación de unha xornada laboral á semana a cargo dunha brigada composta por tres persoas con autismo ou outra discapacidade intelectual, máis un encargado e un preparador laboral da propia asociación, que apoiarán aos usuarios da asociación no desempeño das súas funcións. Traballarán de forma integrada cos operarios municipais dos servizos de Xardíns e medio Ambiente para formarse como peóns forestais ou de xardinería e ir adquirindo práctica laboral mediante a realización de traballos prácticos supervisados polo persoal municipal.

A colaboración do Concello de Vilagarcía con BATA para a posta en marcha desta brigada é unha iniciativa que se ven realizando anualmente dende hai xa 16 anos e que se desenvolve a través das áreas de Igualdade e Benestar e de Medio Ambiente que cofinancian o programa.