A CIG reclama máis medios no transporte do 061 en Pontevedra-O Salnés de cara ao próximo concurso

Denunciou en Vilagarcía que os recursos case non se incrementaron en máis dunha década a pesar do aumento da poboación e do número de actuacións

Representantes da CIG de todo o Salnés compareceron este martes na central de Vilagarcía. DS
photo_camera Representantes da CIG de todo o Salnés compareceron este martes na central de Vilagarcía. DS

A FGAMT-CIG vén de reclamar a dotación de máis medios no servizo de transporte sanitario urxente do 061 nas áreas de Pontevedra e do Salnés de cara ao próximo concurso de adxudicación, previsto para o vindeiro mes de novembro, e denuncian que os recursos son practicamente os mesmos que hai unha década a pesar do incremento da poboación e do número de actuacións. Representantes da CIG nas bases de Portonovo, Caldas, Vilagarcía e Cambados compareceron no local da central sindical en Vilagarcía xunto aos integrantes da FGAMT de Pontevedra, Xavier Aboi e Ceci Tarela, para presentar un informe no que se evidencia a necesidade de dotar o servizo de maiores recursos cos que facer fronte ao aumento das emerxencias. 

O documento sostén que, á vista dos datos o aumento no número de servizos e no traslado de pacientes dende hai máis dunha década, así como das persoas a atender en período estival, “ou se incrementa o número de unidades e técnicos e técnicas para prestar servizos ou seguirá a vivirse a situación de colapso e atraso na prestación do servizo derivada de ter que mobilizar recursos para atender lugares a unha hora de traxecto, o que implica unha demora nos tempos de atención”. Neste senso incidiron en que para a maioría das bases do Salnés (Grove, Portonovo-Sanxenxo, Cambados e Caldas) o hospital de referencia é Pontevedra, o que provoca que importantes áreas queden descubertas cando as ambulancias teñen que desprazarse até a cidade, sen esquecer que os vehículos desta zona prestan tamén servizo en localidades das comarcas de Caldas e do Ulla.

En consecuencia, na central sindical teñen constatado que esta situación implica que se produzan atrasos no momento de acudir a unha urxencia vital, “o que en non poucas ocasións tivo consecuencias fatais que noutras circunstancias pode que non se tivesen producido”. De feito, Aboi sinalou que na comarca do Salnés fálase de até sete casos recentes con resultado de morte que puideron ter relación con esta circunstancia. 

A mesma situación dende hai unha década

O responsable sindical lembrou que hai arredor dunha década que a central ofrecera unha rolda de prensa para denunciar o caos que comezaba a producirse xa daquela no servizo. “Pois atopámonos que a día de hoxe contamos practicamente cos mesmo recursos, xa que só se dotou o Salnés dunha medicalizada que agora está todo o ano durante 24 horas, aínda que cando vai para Sanxenxo substitúena por unha de 12 horas”. E isto a pesar de que que a poboación aumentou e o turismo multiplicouse, segundo datos da propia Xunta e do Concello. “Isto fixo que a comarca do Salnés pasase de 30 servizos urxentes diarios a 48. Por exemplo, no caso de Vilagarcía rexístranse 13 diarios, dos 9 que se contabilizaban hai unha década; e no Grove aumentaron un 30% no último ano”, o que provocou que as ambulancias chegasen tarde a varios accidentes graves rexistrados este verán. 

De feito, Aboi asegurou que o propio Consello de Contas recoñece nun informe o atraso que rexistran os vehículos do servizo de transporte urxente do 061, con atrasos de até media hora no caso das ambulancias medicalizadas, o que ten provocado as queixas do persoal médico e de enfermaría. Por iso, agarda que ante o novo concurso de adxudicación do servizo, previsto para novembro, “a Xunta non pretende seguir aforrando cartos a costa da vidas das persoas”, considerando que "non pode ser que en Cambados un vehículo teña que facer até 16 servizos diarios, ou 18 en Vilagarcía 18. Nin que no caso do Grove dos 14 rexistrados 10 tivesen que desprazarse a Pontevedra, ou que a ambulancia de Caldas teña que facer servizos no Grove, cando se tarda unha hora. Nalgúns destes casos o persoal non tivo tempo nin para comer en todo o día”, denuncia.

Diante disto, quere deixar moi claro que o único que se reclama é “que se aplique o sentido común” e que se dote ao servizo dos medios e recursos necesarios. En concreto, para a área do Salnés demándase que a Soporte Vital Básico (SVB de Vilagarcía que presta servizo en xullo e agosto durante 12 horas sexa ampliada para todo o ano; Que a SVA durante 24 horas con base no hospital do Salnés preste servizo os 12 meses do ano nesta base atendendo aos criterios técnico-asistenciais, co aumento da dotación para pasar dun técnico ou técnica a dous, “igual que o resto de ambulancias do mesmo tipo no resto do territorio galego”, así como dunha ambulancia medicalizada na base Sanxenxo (Portonovo) durante o período estival,  distinta da que ten a súa base no hospital do Salnés, e aumentar unha ambulancia SVB 12 horas durante os tres meses do período estival con base en Sanxenxo. “Entendemos que estas medidas non suporían unha grave contía económica e virían a paliar as deficiencias que neste momento ten o servizo e os prexuízos que está a causar tanto para os traballadores e traballadoras como para as persoas usuarias da sanidade pública”, asegurou.