A chocolatada para maiores regresa polo Nadal o venres 22 de decembro

Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os asistentes poderán saborear unha cunca de chocolate quente con rosca de xeito gratuíto

As persoas maiores de Vilagarcía teñen este ano unha cita propia na programación de Nadal do Concello. A Concellería que dirixe Tania García organiza unha chocolatada para maiores o vindeiro venres, 22 de decembro, a partir das 17.30 horas na Praza da Peixería. A entrada é libre e de balde (ata completar aforo) para os veciños e veciñas pertencentes a este colectivo de idade.

Os asistentes á festa poderán degustar unha boa cunca de chocolate quente acompañada de rosca , servido todo polo cátering Senín, que tamén se encargou do xantar da romaría de verán. Como non podía ser doutro xeito, a merenda estará amenizada polo DJ Óscar, que porá música para crear ambiente e para que, quen o desexe, se anime a botar un baile.

Esta chocolatada é unha das iniciativas de carácter lúdico que promove a Concellería de Persoas Maiores co obxecto de crear espazos de convivencia nos que as persoas de máis idade teñan máis oportunidade de interactuar e de levar unha vida social activa e gratificante. Ademais, con esta actividade de Nadal preténdese crear un marco no que os maiores poidan confraternizar e celebrar estas datas tan especiais xunto cos seus amigos e coñecidos.

Xunto con este tipo de iniciativas, o departamento organiza ao longo do ano outras actividades que engaden contidos culturais, como as viaxes e excursións; e aquelas que inciden no benestar físico e psíquico dos maiores, como os programas de prevención da dependencia, entre outros.