Sete centros de Vilagarcía, recoñecidos polo bo compostaxe comunitario

Os colexios Vagalume, Vilaxoán e Rosalía de Castro, o Centro de Educación Especial, Con Eles, Mecos e Bata recibiron o distintivo que recoñece os excelentes resultados que están obtendo
Entrega distintivos compostaxe comunitarios en Vilagarcía . DS
photo_camera Entrega dos distintivos no Parque do Piñeiriño. DS

O punto de compostaxe comunitario do Parque do Piñeiriño serviu de escenario este martes ao acto de recoñecemento aos sete centros que están a participar no plan de compostaxe promovido polo Concello de Vilagarcía e o Plan Revitaliza e que tan bos resultados está a dar. Representantes do Centro de Educación Especial de Marxión, do CEI Arealonga-Vagalume, dos CEIPs Rosalía de Castro e Vilaxoán, do centro Con Eles, do CEE Bata-Os Mecos e do centro de día Abuelita Esperanza de BATA, recolleron os distintivos que os distingue como colectivos participantes no plan.

Ademais de agradecer a súa implicación neste proxecto para unha mellor xestión dos residuos sólidos urbanos, tanto o concelleiro de Servizos, Lino Mouriño, como os responsables do Revitaliza, salientaron o bo traballo que os sete centros están a facer e os excelentes resultados obtidos dos seus composteiros. Mouriño puxo especial énfase na importante labor que de xeito indirecto tamén están a facer estes colectivos: "Estades demostrando que compostar, ademais de ser unha práctica moi beneficiosa para o medio ambiente, é algo moi sinxelo, que non supón esforzo e tampouco xera mole stias. Por iso trasládovos o noso agradecemento pola vosa contribución a esa labor didáctica e de concienciación que estades a levar a cabo".

Recollida da fracción orgánica e potenciación da compostaxe

O concelleiro aproveitou tamén para lembrar que o novo contrato para a recollida do lixo que se acaba de adxudicar suporá unha importante mellora na xestión dos residuos sólidos urbanos e incidirá moito na reciclaxe. Para isto poranse novos medios e potenciarase moi especialmente a reciclaxe da fracción orgánica do lixo mediante a instalación do contedor marrón en todo o municipio e a posta en marcha dun servizo específico de recollida, e tamén coa ampliación da compostaxe.

Neste punto comentou que se van a adquirir 1.000 composteiros individuais para repartir de xeito gratuíto entre as persoas que residan en vivendas unifamiliares e outros 30 depósitos de maior capacidade para instalar 6 novos centros de compostaxe comunitario. Este material adquirirase mediante unha subvención concedida pola Xunta con cargo aos fondos europeos Next Generation.

Ao acto deste martes acudiron representantes dos centros participantes e, por parte do Concello, ademais de Lino Mouriño, a concelleira de Promoción Económica, Alba Briones, o edil de Seguridade Cidadá, José María González e a mestra composteira municipal. Por parte da Deputación asistiron os técnicos do Plan Revitaliza, Carlos Manuel Pintos e Estefanía Alfonsín.