Carlos Blanco protagoniza en Vilagarcía a única peza de teatro escrita por Domingo Villar

Síbaris represéntase o sábado 18 de novembro no Auditorio coa dirección de Lois Blanco

 

Representación dunha obra teatral. DS
photo_camera Mans durante unha escenificación de teatro. DS

Síbaris, a única peza de teatro escrita por Domingo Villar e rematada polo autor vigués pouco tempo antes de falecer, chega a Vilagarcía en outono da man de Carlos Blanco. O vilagarcián promove a montaxe a través da súa produtora, Con de Tres Pés, e protagoniza o espectáculo que se poderá presenciar no Auditorio Municipal o sábado, 18 de novembro, ás 21.00 horas. As entradas xa se poden adquirir anticipadamente en www.taquilla.com ao prezo de 15, 12 e 10 euros (máis gastos de xestión).

A esperada obra de teatro do creador de Leo Caldas conta coa dirección de Lois Blanco e cun elenco do que forman parte Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa, a maiores do xa mencionado Carlos Blanco.

A única creación de Villar como dramaturgo foi o resultado do longo proceso que precisou para dar forma a unha idea á que lle daba voltas dende moito tempo atrás, e de varios anos de traballo para plasmala no papel. Síbarís é o título desta peza aínda inédita –a mediados de setembro chega ás librarías e a súa estrea sobre os escenarios será a finais do mesmo mes- que, en ton de comedia e con pinceladas surrealistas, conta a historia dun escritor en plena crise creativa.