Avariadas dez bicicletas do Vaibike! tras ser utilizadas no circuito de Pump Track

O Concello advirte que as multas  por deterioro do material poden chegar aos 1.000 euros e a suspensión do servizo durante nove meses
Bicicletas do VaiBike!. DS
photo_camera Bicicletas do VaiBike!. DS

O servizo de préstamo público de bicicletas Vaibike! ten neste momento dez unidades avariadas fundamentalmente polo seu uso para fins non previstos nin autorizados, segundo informaron dende o Concello de Vilagarcía. En concreto, foron detectados varios mozos utilizando as bicis do Vaibike! no circuíto Pump Track habilitado recentemente xunto ao parque da Coca, na Florida. Despois de facer saltos e xiros nun circuíto pensado para outro tipo de bicicletas, tipo BMX, os usuarios do Vaibike! devolveron as súas bicis coas rodas, especialmente as traseiras, dobradas e con difícil ou imposible arranxo, explicaron dende o Goberno local.

Por este motivo, dende o Concello advertiron que o regulamento de uso do servizo califica como moi graves "os actos de deterioro, abandono, perda, roubo ou furto dos equipos, infraestruturas, instalacións ou elementos do servizo". Neste sentido, deixar inservible unha bici do Vaibike! despois de utilizala no Pump Track considérase un acto "moi grave" e para estas situacións, o réxime sancionador prevé multas de ata 1.000 euros, ademais da perda da condición de usuario durante nove meses.

O Goberno local confía en "non ter que chegar a esta situación" e fai un chamamento á responsabilidade e ao bo uso dun servizo pensado para favorecer a mobilidade e non para practicar deportes que esixen outro tipo de bicicletas. Lembra, neste sentido, que cando un usuario/a deixa inutilizada unha bicicleta, outro/a usuario/a queda sen ela. Ademais do uso indebido no Pump Track, tamén se teñen detectado outras conductas que ademais de irregulares son perigosas, como subir unha segunda persoa ao guiador ("manillar") ou mesmo ao cesto dianteiro da bici, previsto para soportar un peso máximo de 20 quilos.

O executivo local celebra que a inmensa maioría dos máis de 1.000 inscritos ata agora no Vaibike! si cumpren coas normas, por iso lamenta "aínda máis que esa maioría se vexe prexudicada por un grupo moi reducido de mozos que demostran pouco respecto polo que é de todos".