A ausencia de produto obriga a suspender a exposición de cogomelos de A Cantarela

Malia esta circunstancia, o resto das actividades mantéñense sen cambios
Cogomelos nunha zona de bosque sombría. EUROPAPRESS
photo_camera Cogomelos nunha zona de bosque sombría. EUROPAPRESS

A asociación A Cantarela comunicou a cancelación da exposición de cogomelos coa que tiña previsto inaugurar as actividades do Outono Micolóxico este domingo, 12 de novembro, no Auditorio. A causa é a ausencia de produto, circunstancia que xa puxeran de manifesto durante a presentación dos actos, pero que constataron na última saída ao monte para recoller cogomelos e da que regresaron coas cestas practicamente baleiras. As intensas chuvias das últimas semanas pasaron factura aos fungos, botándoos a perder.

Malia este imprevisto, o resto da programación do Outono Micolóxico mantense sen cambios. O luns 13 inaugurarase no Auditorio a mostra conmemorativa do 40 aniversario e o ciclo de conferencias desenvolverase do 13 ao 16 de novembro. A Praza da Peixería acolle o domingo 19 a XXIX Festa Gastronómica dos Cogomelos e o día 24 terá lugar a xornada de clausura do 40 Outono Micolóxico coa proxección dun audiovisual e a entrega de premios dos concursos gastronómicos e de fotografía, así como dos certames escolares de debuxo e de maquetas.