A Asociación Breogán denuncia o "deixamento" do Goberno Local no parque do Piñeiriño

O colectivo asegura que Lino Mouriño reuníuse coa asociación en decembro e comprometeuse a recoller e arranxar mínimamente os valos do parque, que "levan rotos e esparexidos polo chan dende xuño do ano 2022"

Desperfectos no parque. DS
photo_camera Desperfectos no parque. DS

A Asociación Veciñal Breogán denuncia o estado do parque do Piñeiriño, despois de que o pasado mes de decembro o edil Lino Mouriño se reunira co colectivo para abordar o estado da zona, xa que os restos do valo levaban desde o mes de xuño esparexidos polo chan, xunto co precinto que apenas aguantou uns días, segundo explican dende a entidade.

Tres meses despois de quedar co concelleiro, os valos rotos "seguen no chan e o resto poden caer en calquera momento sen que un precinto avise de que é unha zona perigosa, onde hai nenas e nenos xogando que poderían tropezar cos restos na zona de abaixo ou caer cinco ou seis metros se xogan na parte alta do parque", aseguraron. 

“Recoñecemos e agradecemos ao concelleiro que reparase un par de luces, non todas por certo, que se lle sinalaron na zona peonil e algunha que outra baldosa das beirarrúas do barrio. Pero foi algo secundario. Non nos entra na cabeza que non se recollan uns valos que levan nove meses tirados no chan dun parque moi concurrido tendo en conta a cantidade de persoas que viven no Piñeiriño”, din dende a asociación. “Se non queren facelo que avisen e polo menos chamamos nós ao punto limpo o martes que toque indicando que recollan os restos do valo e achegámolos nós ao contenedor sen problema”, rematan. 

A asociación di non entender "a dinámica de ter que repetirse durante meses ou anos en cuestións tan doadas de solucionar. Estamos a falar de facer un mantemento do mobiliario urbano e unha limpeza de elementos rotos e tirados nos espazos públicos. Cousas que levan dúas mañás de traballo. Démoslle unha lista nós, nin iso tiñan que facer neste caso”, comentan dende o colectivo. 

Breogán está a manter reunións con organizacións políticas que están interesadas en coñecer as demandas da veciñanza no barrio do Piñeiriño. Unha das demandas estrela é precisamente un proxecto de reforma integral do parque. A zona do parque infantil, a zona dos bancos ou a pista deportival necesitan algo máis que mantemento. “Hai veciños de trinta anos que xogaron de nenos neses mismos bambáns. Máis de vinte anos despois igual xa toca facer unha reforma integral no parque e loitaremos por poñelo enriba da mesa dos partidos políticos nas eleccións municipais”, aseguraron.