Arrancan as obras para mellorar a accesibilidade e acondicionar o cemiterio municipal de Rubiáns

O proxecto, encomendado á empresa Marconsa, precisa dun investimento de 250.200 euros que se financia co Plan Concellos e conta con finalizarse no mes de novembro

(20221101_JLO_0029.JPG)  Salnes Cementerio Rubianes Dia de Todos los Santos
photo_camera Vista del interior del cementerio de Rubianes en Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUÍZ OUBIÑA

Inícianse esta semana os traballos de acondicionamento do cemiterio municipal de Rubiáns. Os traballos, encargados á empresa Marconsa, consistirán en reformar as instalacións e pavimentos, así como na rehabilitación de elementos construtivos do cemiterio. Trátase dun proxecto no que o Concello inviste 250.228 euros (impostos incluídos) e que mellorará considerablemente, tanto as condicións de accesibilidade como a estética do camposanto.

Con esta actuación, ademais de resolver algunhas deficiencias que presenta a infraestrutura, especialmente as dificultades de tránsito para persoas con problemas de mobilidade, tamén se quere potenciar a imaxe dun recinto cuxa parte máis monumental supera os 100 anos. O proxecto redactado polo arquitecto Mariano Vázquez finánciase cos fondos do Plan Concellos 22/23 da Deputación.

As obras consisten en mellorar os percorridos e a pavimentación da zona máis antiga do cemiterio nos dous eixos perpendiculares nos que se ordena, mellorando o tránsito entre a entrada principal e a capela, así como o acceso ao conxunto de panteóns familiares e xardíns. O corredor principal, actualmente de terra, cubrirase con lousa e plantaranse cipreses a ambos lados para resaltar a monumentalidade do espazo. Tamén se consolidará o pavimento dos demais camiños e se instalará un novo sistema de canalización de augas pluviais que evite a creación de pozas e reduza o impacto e rosivo que teñen as escorrentas sobre elementos tan singulares como a capela e mesmo as tumbas. Por último, mellorarase a iluminación, o mobiliario urbano e a xardinería.

Ademais, aínda que o prazo de execución do proxecto é de seis meses, apurarase o máximo posible co obxectivo de que o groso das obras estea rematado a principios de novembro, de cara á celebración dos días de Todos os Santos e Defuntos. Deste xeito preténdese garantir que os centos de persoas que acoden ao camposanto nesas xornadas tan sinaladas poidan desprazarse sen problema polo interior do cemiterio para honrar aos seus mortos.