A Anpa do Anexo A Lomba convoca unha nova concentración ante o peche da aula de tres anos

A manifestación está organizada para este luns 17 de xullo ás 20.30 horas no patio do colexio e é a segunda que se celebra ante a desconformidade da decisión da Xefatura Territorial
niñoss
photo_camera Alumnos e alumnas xogando nun centro educativo. DS

Na reunión do último cláustro de profesores do Anexo A Lomba de Vilagarcía, que tivo lugar o pasado 30 de xuño, comunicouse que o Servizo Territorial de Inspección Educativa de Pontevedra decidira o peche, para o próximo curso, da aula de tres anos, 4º de Educación Infantil, alegando a baixada de matrículas. Ese mesmo día finalizaba o período de formalización de matrículas. Ante a desconformidade da decisión por parte das familias do centro educativo, a ANPA celebrará unha segunda concentración no patio do colexio do Anexo A Lomba este luns 17 de xullo ás 20.30 horas.

Unha primeira manifestiación xa tivo lugar o 6 de xullo e a ela asistiron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, varios concelleiros e representantes do Partido Popular. Varela decidiu levar esta cuestión ao Parlamento de Galicia para ser discutila alí, mentres que a ANPA do centro, polo seu lado, reuniuse o pasado mércores 12 de xullo co inspector de educación e presentoulle máis de 4.000 firmas.

Son varios os motivos polos que as familias alegan o seu rexeitamento a esta medida. En primeiro lugar, declaran que a decisión do peche non se comunicou con tempo suficiente para que as familias puidesen valorar unha decisión tan importante como é a educación e o centro ao que asistirán os seus fillos. Déuselles un prazo extraordinario para formalizar a matrícula, mais as familias afectadas consideran que "unha decisión tan relevante non pode manexar estes tempos", segundo explicou unha representante do centro.

Pola súa banda, segundo explicaron dende o colectivo de nais e pais, o motivo principal que ofrecen dende o Servizo Territorial de Inspección Educativa de Pontevedra para pechar a aula de tres anos é a baixada de matrículas. Non obstante, rebateron, "a relación de alumnos por aula no Anexo A Lomba é de 20", segundo consta nun escrito emitido pola ANPA, que especifica que "para o seguinte curso académico hai máis da metade das prazas cubertas". A ANPA considera que "son cifras que permiten formar un grupo, como tamén fixeron noutros centros educativos da vila, que manexaron cifras similares".

FALTA DE ALTERNATIVAS. O Anexo A Lomba está conformado por dous centros. Por un lado está o centro onde está enmarcada a aula que prevén pechar dende o Servizo Territorial e, por outro lado, hai un segundo centro que se sitúa a dous quilómetros desta parte e do domicilio das familias. "A alternativa proposta ao peche desta aula é facer dúas aulas de infantil con moitos nenos no centro que hai a dous mil metros", explicou a representante do centro. As familias, a este respecto, declaran que se isto se produce, a calidade da ensinanza non será a mesma por ter clases masificadas. "Ademais, o Anexo A Lomba é un colexio pequeno e familiar, con moitos irmáns matriculados. O peche da aula pode provocar que, ante o traslado dun alumno, o seu irmán tamén teña que facelo", explicaron.

Por outro lado, "os outros centros máis próximos son un colexio concertado ou un colexio público que carece de servizo de comedor e do programa plan madruga", polo que as familias expresan que "ningún dos colexios que hai como alternativa teñen as prestacións que si hai no Anexo A Lomba".

O edificio Anexo é un dos colexios máis céntricos da vila, moi accesible, con servizo de transporte escolar, comedor e plan madruga que xestiona a ANPA. Estas características fan que as familias que viven nos seus arredores poidan escolarizar aos seus fillos e fillas nel, ao mesmo tempo que conciliar a súa vida laboral e familiar. Por todos estes motivos convócase unha nova concentración para que a decisión do peche da aula non se leve a cabo.