Alberto Varela visita Vilaxoán ante a constatación do peche definitivo do consultorio por parte do Sergas

O Alcalde, e candidato socialista,  reivindicou que foron confraría e Concello os que facilitaron a apertura do consultorio
Reunión co patrón maior. DS
photo_camera Reunión co patrón maior. DS

O Alcalde de Vilagarcía e candidato á reelección, Alberto Varela, visitou na tarde deste martes xunto a parte do seu equipo as instalacións da confraría de pescadores Virxe do Rosario de Vilaxoán, en compañía do patrón maior Joaquín Santos e membros da dirección do pósito.

Na visita Varela estivo nas instalacións do actual consultorio vilaxoanés, sobre o que afirmou que “puido estar operativo para abrirse porque a confraría é moi xenerosa cedendo o espazo e porque o Concello pagou a reforma”, pero amosouse decepcionado con que “outros, sen axudar a nada e sen poñer un peso, veñan a facerse unha foto intentando enganar cunha apertura fantasma a cambio dun feixe de votos”. Varela fixo alusión así ao plan funcional coñecido en recentes datas sobre a atención primaria en Vilagarcía, no que o Sergas explicita que a apertura do centro de saúde na antiga Comandancia de Marina levará aparellado o peche do consultorio. “É a constatación por escrito de que a súa intención sempre foi pechalo”. Esta preocupación foi compartida polos donos das instalacións, a propia confraría, que tamén se amosou inquieta polo peche ao que parece estar abocado o consultorio. “Por non aportar, o Sergas non aporta nin fondos para pagar a luz do consultorio”, remachou contundente o candidato socialista ao ser informado pola confraría que o SERGAS non asume nin sequera os gastos correntes de luz e auga do consultorio, que son pagados pola confraría ademais de ceder o local. 

Ademais do referido ao consultorio, a xuntanza permitiu ao actual Alcalde reafirmar o compromiso cos membros da confraría de poñer todo o interese en facilitar a realización de actividades e aproveitamento dos espazos do actual inmoble. “Esta confraría está sempre dispoñible para os veciños, e trata sempre de facilitar que exista actividade. Temos o compromiso de buscar todas as posibilidades para axudar e impulsar estas accións”, apuntou Alberto Varela, quen destacou as potencialidades do local e a dificultade para utilizalo na actualidade. A xuntanza serviu para poñer en valor a existencia e actividade da biblioteca, a disponibilidade do salón de actos e incluso para buscar algunhas posibilidades para que a xente máis nova de Vilaxoán puidera aproveitar algunhas instalacións do inmoble para actividades lúdicas e deportivas.