DAISY ALCALDE. FUNDADORA DE ‘O SOÑO DE LILITH’

"Aínda queda moito camiño que percorrer para lograr a igualdade"

Mentres cursaba a carreira de Educación Primaria na cidade, Daisy Alcalde iniciouse no movemento feminista, sendo unha das fundadoras de ‘O soño de Lilith’. Ademais do seu labor nesta institución, especilizouse para ser axente de igualdade de oportunidades e na actualidade é a presidenta de Apaioga.
Daysi Alcalde Monteagudo, fundadora de 'O Soño de Lilith'. DS
photo_camera Daysi Alcalde Monteagudo, fundadora de 'O Soño de Lilith'. DS

Como aconteceu o nacemento de O soño de Lilith?
A nosa asociación naceu no 2012 na zona de Pontevedra e Vilagarcía. Non existía ningunha institución que loitase polos dereitos das mulleres e outros dereitos relacionados e considerabamos que era algo necesario. Para nós era fundamental crear ‘O soño de Lilith’ para xuntarnos, facer actividades e, desta forma, crear unha especie de rede entre todas. Ademais, aínda que a asociación é de índole feminista, tamén naceu co propósito de loitar por todos os dereitos humanos.

Como foi a súa traxectoria profesional paralelamente o seu labor como activista?
Comencei no movemento feminista na miña etapa universitaria, que considero que é o momento máis importante para iniciarse en calquera movemento e ter un perfil máis activista. Tras graduarme en Educación Primaria, especialiceime e son axente de igualdade de oportunidades. Compaxino o meu labor de activista co meu traballo nesta especialización como presidenta de Apaioga.

Cal foi a evolución da asociación?
A verdade é que foi variando moito tanto en actividades como en xente. Os membros ao final, como en calquera asociación, dependen do traballo e os estudos para organizarse. En canto ás actividades, sempre foron moi diversas, facemos cafés feministas nos que falamos de distintos temas, obradoiros de diferentes aspectos e a actividade que máis peso ten para nós, porque é a que máis traballo ten detrás, é o festival As mulleres creando. Este festival é con perspectiva de xénero, reivindicando que as mulleres estaban invisibilizadas practicamente nos carteis dos festivais. Esta é a sétima edición, xa que funcionou moi ben. Crecimos nestes sete anos e agora mesmo é un evento moi variado porque non só hai concertos, tamén hai obradoiros e unha temática central na que se envolven todas as actividades. Este ano terá lugar o 25 e 26 de agosto en Vilagarcía e a temática central é o empoderamento erótico, unha perspectiva un poco olvidada.

Cales son as razóns polas que considera que na actualidade segue sendo imprescindible o traballo deste tipo de asociacións?
Eu penso que son necesarias para non durmirnos, para darnos conta de que os deiretos así como se acadan, se perden. Agora mesmo o noso traballo é máis importante que nunca porque vivimos nunha sociedade bastante polarizada, xa que por moito que houbo un avance de pensamento en xeral, nestes momentos están de volta partidos políticos e grupos que intentar quitarnos outra vez os nosos dereitos. Temos que estar sempre alerta e organizadas para no perder os nosos dereitos que tanto lles costou gañar ás nosas antecesoras.

Esta é a semana do Orgullo, como definiría a importancia que seguen tendo este tipo de actividades de reivindicación na nosa sociedade?
Aínda que a día de hoxe hai moitos dereitos xa acadados, non podemos esquecer que vimos dunha realidade moi concreta na que, despois incluso do franquismo, ser unha persoa do colectivo significaba un delito. Isto aínda continua no noso ADN, é dicir, de forma xeneralizada na sociedade segue habendo actitudes, comentarios e insultos normalizados que non deberían. Eu como mestra fíxome na mocidade e, a pesar de que houbo moita evolución neste aspecto, aínda queda camino por percorrer para lograr a igualdade.