Adxudicada por 173.929 euros a humanización da rúa Aquilino Iglesia Alvariño

A actuación está financiada a través do Plan Concellos
Rúa Aquilino Iglesia Alvariño en Vilagarcía. DS
photo_camera Rúa Aquilino Iglesia Alvariño en Vilagarcía. DS

O barrio dos Duráns rexistrará nos vindeiros meses unha nova actuación de rexeneración urbana que afectará ao primeiro tramo da rúa Aquilino Iglesia Alvariño. A maquinaria para a execución da humanización púxose en marcha coa adxudicación á empresa Moncosa OHS das obras por importe de 173.928 euros e un prazo e execución de seis meses. Os traballos transformarán a vía nun espazo agradable, seguro e accesible, de uso compartido entre persoas e vehículos, pero na que os peóns terán prioridade.

Esta nova actuación dará continuidade á levada a cabo hai uns anos na rúa Os Duráns, a principal entrada ao populoso barrio e que conecta directamente con Aquilino Iglesia. A reforma desta última iniciarase nesta intersección e rematará no cruce coa rúa Eduardo Pondal, xusto onde se empraza a zona verde e o parque infantil do barrio, e a carón das cales se sitúan un bar, unha academia, un ximnasio e mesmo a oficina de Correos, polo que se trata dunha zona moi transitada.

Co obxecto de dar maior sensación de amplitude, a rúa converterase nunha vía de plataforma única, na que o uso de vehículos limitarase ás entradas a garaxes, así como ao párking do supermercado. A circulación permitirase nun único sentido e a través dun carril que terá 3 metros de ancho en toda a súa lonxitude. Isto será posible grazas ao derribo dun muro que quedaba fora de aliñación e á cesión de terreos obtida polo Concello para poder eliminar o perigoso pescozo de botella que se formaba nese punto.

O solado construirase con pavimento continuo de formigón fratasado a máquina para endurecelo. Posteriormente tratarase con cepillos metálicos para conseguir acabados con distintas texturas, cores e cortes perpendiculares que rompan a monotonía e melloren a estética do conxunto.

O tramo da rúa no que se vai actuar converteranse nunha zona axardinada con grupos de gardenias que contarán con rego programado. As bancadas utilizaranse para crear unha liña de xogos de axilidade especialmente pensado para o divertimento dos nenos e nenas e colocaranse papeleiras e novas luminarias de tecnoloxía led.

A actuación prevé tamén a renovación dos servizos básicos. Así, substituiranse as canalizacións das redes de abastecemento de auga, saneamento e pluviais, reparando especialmente na recollida separativa das augas, e axustando os servizos ás necesidades actuais dunha zona densamente poboada como é o barrio dos Duráns.