O 7 de decembro, data límite para anotarse no Concurso de Decoración de Nadal

Haberá un primeiro premio dotado con 595 euros, dous segundos con 395 euros cada un e outros dous terceiros que recibirán 200 euros para os comercios e a hostalaría
Escaparate de  Tijeras de Diseño gañador do concurso de decoración de Nadal de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Escaparate de Tijeras de Diseño, gañador do Concurso de Decoración de Nadal de pasado ano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Promoción Económica amplía ata o xoves, 7 de decembro, o prazo de inscrición no Concurso de Decoración do Nadal que convoca anualmente co obxectivo de animar aos establecementos a engalanar os seus escaparates e locais como medio de dinamizar a súa actividade durante estas festas e, á vez, contribuír a crear ambiente na cidade e complementar a iluminación e os xardíns efémeros que pon o Concello. Os cinco locais mellor decorados recibirán premios en metálico: 595 euros o primeiro clasificado, 395 cada un dos dous segundos e 200 para os dous terceiros postos.

O certame diríxese aos sectores do comercio retallista, restauración, hostalaría e vendedores da Praza de Abastos. Os interesados en anotarse deben facelo mediante a presentación dunha instancia xenérica a través da sede.vilagarcia.gal e aportar fotografías da decoración, tal como se recolle nas bases que están dispoñibles no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.gal e da sede electrónica do Concello.

A decoración deberá manterse como mínimo dende o día 7 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2023. A elección dos gañadores decidirase en base aos votos do xurado, que valorará aspectos como a creatividade e a orixinalidade, a iluminación e o uso de materiais naturais ou reciclados.