Aberto o prazo de reserva de espazos para atraccións, ambulantes e polbeiras de Santa Rita

Os interesados deberán presentar por sede electrónica a solicitude xunto coa documentación que se especifica nos formularios. O prazo remata o 9 de maio
Unha edición anterior das Festas de Santa Rita. ADP
photo_camera Unha edición anterior das Festas de Santa Rita. ADP

O Concello de Vilagarcía ultima estes días a organización das Festas de Santa Rita abrindo o prazo de reserva de espazos para instalar as atraccións de feira, postos ambulante e polbeiras que tradicionalmente acoden á primeira gran celebración da tempada. Os interesados deberán solicitar a instalación dos seus postos entre hoxe e o 9 de maio presentando a través da sede.vilagarcia.gal os formularios que se poden atopar no taboleiro de anuncios da mesma sede electrónica, debidamente cubertos e engadindo a documentación que se indica nos mesmos.

Como xa é habitual dende hai anos, as atraccións de feira emprazaranse na zona TIR, segundo a distribución que se estableza dende o Concello atendendo a antigüidade de participación nas festas vilagarciáns por parte dos solicitantes. E os postos de venta de roupa, bixutería, complementos, alimentos e demais distribuiranse polos corredores do Parque Miguel Hernández. As atraccións e postos poderán comezar a instalarse a partir das 00.00 horas do día 11 de maio e poderán estar en funcionamento do 12 ao 23 de maio, ambos incluídos. O día 24 deberán proceder á desmontaxe das instalacións e desaloxo dos espazos públicos.

Entre a documentación requirida, a maiores da común para todos os solicitantes, a máis extensa refírese ás atraccións de feira, que teñen que acreditar os boletíns eléctricos, os certificados de revisión de extintores, a inspección técnica anual da atracción visada polo colexio oficial correspondente e a póliza do seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de 600.000 euros.
Os postos ambulantes, nos poderán ter un fondo superior aos 2,5 metros e no recinto das atraccións deberá haber un fío musical único para todas as instalacións e non poderá superarse o límite dos 94 decibelios.

A zona de Vista Alegre e a contorna da Praza de Abastos resérvanse para todos os postos relacionados coa romaría na honra de Santa Rita. Alí situaranse as carpas das polbeiras e os postos de velas, exvotos e rosquillas. Neste caso, a reserva de espazo debe facerse presentando unha instancia xeral a través da sede electrónica ou, no caso de ser persoas físicas, no Rexistro Xeral. O prazo remata igualmente o 9 de maio. En todos os casos, a taxa de ocupación de terreos aboarase no momento de formalización da solicitude.