Ravella inicia a recuperaración do acceso peonil entre o Valdés Bermejo e o Castro Alobre

O camiño pechouse por seguridade tras un desprendemento de terras provocado tras un episodio de chuvias torrenciais en 2020

Acceso peonil ao Castro de Alobre. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Actual estado do acceso peonil ao Castro de Alobre. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía vén de contratar a redacción do proxecto básico e de execución nos traballos a realizar para recuperar o acceso peonil entre o parque botánico Enrique Valdés Bermejo e o xacemento arqueolóxico do Castro de Alobre. A antiga conexión entre estas dúas zonas separadas por un importante desnivel quedou inhabilitada en 2020 debido a un desprendemento de terras ocasionado por un episodio de chuvias torrenciais. Tras esperar o tempo necesario para que o terreo se volvese a asentar e despois de realizar as catas e estudos do terreo necesarios para garantir a consolidación, xa se está en condicións para continuar co proceso, de aí que se teña encargado o proxecto para executar as obras.

A adxudicataria do contrato valorado en 1.750 euros é a empresa FB2 Estudio de Ingeniería, que terá que realizar un estudo topográfico dos terreos nos que se vai actuar e, a continuación, redactar os proxectos básico e de execución, así como o estudo de seguridade e saúde a cumprir durante a execución das obras. A redacción do proxecto finánciase cos fondos europeos asignados ao programa Vilagarcía Avanza, en concreto a través da liña de actuación das EDUSI dedicada ao Patrimonio Histórico.

Aínda que a comunicación entre o Valdés Bermejo e o Castro de Alobre está garantida a o existir un camiño alternativo, a recuperación deste paso –que era o orixinario nesta zona verde-, ademais de garantir a estabilidade e a seguridade na terraza que separa ámbalas dúas estancias do parque, permitirá ampliar as zonas de paseo e os percorridos nun dos pulmóns verdes máis importantes e representativos da cidade, tanto pola súa riqueza natural e paisaxística do parque botánico, como polo valor histórico e patrimonial do xacemento arqueolóxico que hai pouco foi musealizado.