Aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de estimulación cognitiva 'Actívate'

As actividades están dirixidas a persoas de 60 anos en diante e impartiranse no Auditorio a partir do 15 de febreiro
Personas mayores en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Personas mayores en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Área de Persoas Maiores do Concello de Vilagarcía pon en marcha unha nova edición dos obradoiros de estimulación cognitiva do programa Actívate. O departamento que dirixe Tania García abre o 1 de febreiro o prazo para que as persoas de 60 anos en diante interesadas en participar se inscriban, trámite que poderán facer ata o 13 do mesmo mes acudindo ás dependencias da Concellería. Trátase dunha actividade gratuíta para a que se ofertan 60 prazas e que se impartirá a partir do 15 de febreiro no Auditorio. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición e, en caso de que a demanda supera ás prazas ofertadas, mediante sorteo.

O programa Actívate préstase dende hai anos no Concello de Vilagarcía co obxectivo de favorecer o evellecemento activo das persoas maiores. Os obradoiros contan cunha grande aceptación por parte do colectivo ao que van dirixidos, xa que nas sesións realízanse terapias cognitivas, físicas e duais que inciden de xeito moi positivo no seu benestar e na mellora da súa calidade de vida mediante a potenciación da autonomía persoal. Ademais compoñen o marco perfecto para promover as relacións sociais, outro dos factores que favorecen o envellecemento activo.

Persoal especializado de AFAGA-Alzéimer, a Asociación de familiares de enfermos de Alzéimer e outras demencias de Galicia, será o encargado de impartir os obradoiros nos que os participantes traballarán as habilidades psicomotoras, de relaxación e de estimulación cognitiva. As actividades desenvolveranse de forma presencial no Auditorio en dúas quendas: de febreiro a xuño e de setembro a decembro. Organizaranse tres grupos de 20 persoas que recibirán unha sesión á semana de dúas horas de duración, podendo optar a horario de mañá ou de tarde.

Os únicos requisitos para poder participar no Actívate son ter cumpridos os 60 anos, estar empadroado en Vilagarcía e non ter diagnosticado algún tipo de deterioro cognitivo importante previo. O programa cofinánciase cunha axuda do Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra correspondente ao ano 2024.