A Praza de Vilagarcía difunde o proxecto de cooperación 'Mulleres do Mar'

As concelleiras de Muller e de Promoción Económica recibiron esta mañá a responsables dos colectivos Mulleres Salgadas e Amigas da Terra ▶ Repartirase un calendario coas especies de peixes e mariscos de tempada no que tamén se da a coñecer a profesionais do sector dos dous países e as problemáticas que afrontan

Reunión proxecto cooperación 'Mulleres no Mar'. DS
photo_camera Imaxe da reunión celebrada esta mañá. DS

O Concello de Vilagarcía volve a participar nunha iniciativa do Fondo Galego de Cooperación, organismo do que forma parte dende hai anos. No marco deste relación, A Praza de Abastos será o lugar no que o martes 23 de xaneiro se dea a coñecer o proxecto Mulleres do Mar, desenvolto entre Galicia e Nicaragua co obxectivo de dar visibilidade e poñer en valor ás mulleres de ámbalas dúas zonas xeográficas que se dedican profesionalmente ao sector pesqueiro e marisqueiro. As concelleiras de Muller, Tania García, e de Promoción Económica, Alba Briones, recibiron esta mañá a representantes das asociacións Mulleres Salgadas e Amigas da Terra para coñecer a iniciativa.

Co financiamento do Fondo Galego de Cooperación, Amigas da Terra levou a cabo en 2021 un proxecto de cooperación con Nicaragua Mulleres no Mar co obxectivo de contribuír á innovación, o desenvolvemento e a sustentabilidade social e ambiental do sector pesqueiro na Reserva Natural Padre Ramos e Aserradores, situada no departamento de Chinandega. A iniciativa desenvolveuse xunto á Fundación LIDER e coa colaboración da Universidade Nacional Autónoma de Nicaragua en León (UNAN-León).

Nove cooperativas de pescadores e pescadoras que se dedican ao cultivo de Pargo Lunarejo (Lutjanus guttatus) en gaiolas flotantes participaron no proxecto qu e tiña dous obxectivos intrinsecamente ligados. Por un lado, mellorar o sistema de produción acuícola de xeito sustentable e por outro. implicar a maior número de mulleres e promover que estas tiveses un papel relevante no proceso.

O modelo acuícola artesanal no que se centrou este proxecto permite ás cooperativas a crianza de pargo en cautividade, pero no seu medio natural, xa que as gaiolas se emprazan nas zonas do esteiro onde esta especie chega normalmente a desovar. Para acelerar os procesos de engorde e mellorar a produción, elaboráronse dietas de alto contido proteico para cada unha das etapas de crecemento do pargo, realizadas a partir de ingredientes locais.

Para o desenvolvemento e execución do programa entregáronse equipos e impartiuse formación para realizar a vixilancia da calidade das augas no esteiro medindo parámetros óptimos para o cultivo. As mulleres tomaron un papel protagonista asumindo estas tarefas de control da calidade das augas, o que mellorou a súa integración e posición dentro das cooperativas.

Unha rañeira da Illa e unha bateeira do Grove

Divulgar e difundir o traballo desenvolto neste proxecto de cooperación, así como os resultados e, sobre todo, a implicación das mulleres nel, é a segunda parte da iniciativa. Neste marco, editouse unha publicación a modo de calendario no que se dan a coñecer a varias mulleres profesionais do mar que desenvolven a súa labor en diferentes campos: a pesca, o marsiqueo, a acuicultura. Son as galegas, Rocío Patón Rial, rañeira da Illa de Arousa, e Alicia Rey Conde, patroa dun barco bateeiro de O Grove, e as nicaraguenses, Angy Daniela Flores Manzanarez, produtora de pargo en gaiolas flotantes e mariscadora, e Geralyn Pastora Benavides, acopiadora de peixe. Ademais dunha breve reseña da labor que fai cada unha delas, na publicación tamén se recollen algunhas das principais p roblemáticas dos seus respectivos sectores.

A publicación, que se repartirá na Praza de Abastos de Vilagarcía o martes 23 de xaneiro tamén inclúe un calendario das especies de peixes e mariscos de tempada, para promover o seu consumo nos momentos do ano no que se atopan nas óptimas condicións tanto de sabor como de prezo.