30 árboles de medio porte reporán os parques municipais

Árboles no parque Miguel Hernández. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Trátase de exemplares xa maduros con troncos cuxos diámetros van dende os 12 aos 30 centímetros ▶ A Concellería de Medio Ambiente destina 4.700 euros a esta nova actuación

Os traballos de renovación da masa arbórea dos parques públicos e zonas verdes de Vilagarcía continúan cunha nova actuación posta en marcha pola Concellería de Medio Ambiente. Tras a corta de varios exemplares enfermos ou que presentaban riscos de desprendemento ou esborrallamento, co obxectivo de manter a masa forestal o servizo de Xardíns vén de adquirir unha trintena de árbores de medio porte e de sete especies diferentes. A Xunta de Goberno acordou adxudicar o subministro das árbores á cooperativa Estelas da Terra por importe de 4.700 euros.

Todos os exemplares adquiridos teñen xa un tamaño considerable a efectos de que arraiguen con éxito e de que medren e proporcionen verdor e sombra o antes posible. Por iso, o calibre dos troncos vai dos 12 centímetros de diámetro nas árbores de menor tamaño, ata os 30 dos máis grandes. Os exemplares adquiridos pertencen a sete especies diferentes; Liquidambar, Prunus serrulata (cerdeira), Castanea sativa (castiñeiro), Malus floribumba (maceira silvestre), Carylus avellana (abeleira), Fagus sylvática (faia) e Quercus rubra e robur (carballos).

Medio Ambiente tamén vén de contratar a elaboración dun Plan de avaliación e xestión dos arboredos do Parque da Compostela e do xardín botánico Enrique Valdés Bermejo. Igual que se fixo hai uns meses coas árbores do xardín de Ravella, da Praza de España e da Alameda. Encargouse un estudo detallado do estado no que se atopan os exemplares destes outros dous importantes parques do municipio, os que acollen árbores de grandes dimensións e de máis idade, algúns centenarios, co obxectivo de determinan a súa situación e establecer as medidas axeitadas a adoptar en cada caso.

Ravella acordou contratar este traballo á empresa Arbogal, que xa se encargara das actuacións nos anteriores parques. A medida ten un custe de 10.500 euros e inclúe a avaliación dos arboredos e a elaboración do Plan de xestión, creando unha base de datos con fichas individualizadas de cada exemplar, así como as actuacións recomendadas para o seu mantemento a corto e medio prazo, indicando si é preciso aplicar tratamentos, realizar podas ou mesmo talar.