20 persoas desempregadas poderán desfrutar dunha formación remunerada

Os módulos serán de carpintería e albanelería que se impartirán a partir de novembro e durante o período de un ano
O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS

A Concellería de Formación e Emprego de Vilagarcía informou dos requisitos que deberán cumprir as persoas que desexen acceder á formación remunerada que o Concello ofrecerá a partir de novembro a través do obradoiro dual FORME 23-24. O programa contará coas especializades de Traballos e instalacións de elementos de carpintería e moble e de Fábricas de albanelería e operacións auxiliares de revestimentos e acabados, e terá unha duración de 12 meses. En cada un dos módulos poderán participar 10 persoas desempregadas maiores de 18 anos e que cumpran co resto dos requisitos especificados na orde autonómica que regula estas iniciativas de fomento do emprego.

Malia que a resolución da concesión do obradoiro dual aínda non se recibiu, como a Xunta de Galicia xa publicou na web da Consellería o listado de proxectos aprobados -entre os que se atopa o de Vilagarcía-, e dado dos curtos prazos que quedan para completar a selección do alumnado, o Concello opta por informar aos interesados dos requisitos esixidos para que teñan tempo a actualizar os seus datos e ter dispoñible a documentación.

Ademais de ter cumpridos os 18 anos e ser desempregados, os interesados deben estar rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia, que é o organismo que convocará aos participantes no proces o de selección.

En canto aos requisitos de formación, os aspirantes deben dispor do título da ESO ou ben estar en condición de acceder a ciclos formativos de grao medio, ter superado as probas de acceso convocadas polas administracións educativas ou a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Tamén poderán acceder ao obradoiro de emprego as persoas que teñan os certificados de profesionalidade do mesmo nivel ou de nivel 1 da mesma familia da área profesional do módulo ao que queren acceder, así como aqueles que sexan aptos nas competencias necesarias para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2.