A Xunta de Galicia mellorará o cruce de Progreso con Cesteiros, na PO-308 en Sanxenxo

Os traballos consisten na instalación de regulación semafórica na intersección da rúa dos Cesteiros coa estrada PO-308 á altura da rúa Progreso, e comezarán a vindeira semana por 50.000 euros 
Vehículos circulando por la calle Progreso. DAVID FREIRE
photo_camera Vehículos circulando pola rúa Progreso. DAVID FREIRE

A Xunta de Galicia levará a cabo novas melloras da seguridade viaria na PO-308 en Sanxenxo, á altura do cruce entre as rúas Progreso e Cesteiros. Trátase dunha actuación adxudicada á empresa Setga S.L. por 50.000 euros, que está previsto que comece a vindeira semana, con afeccións ao tráfico sinalizadas, segundo informaron dende o ente autonómico.

Os traballos consisten na instalación de regulación semafórica na intersección da rúa dos Cesteiros coa estrada PO-308 á altura da rúa Progreso, no punto quilométrico 16+450, en pleno núcleo urbán. A actuación deriva da necesidade de regular o tráfico na intersección, na que actualmente só está permitido o xiro á dereita, mentres que o cambio de sentido debe realizarse na glorieta da intersección da rúa de Madrid coa PO-308. Así, trátase de facilitar con regulación semafórica ese xiro á esquerda, sen que supoña retencións. Para iso instalaranse tres semáforos, dispostos dous deles na estrada PO-308 e o terceiro na rúa dos Cesteiros.

Como principal inconveniente, interrumpirase a fluidez do tránsito das liñas de autobús en dirección A Lanzada e a conexión coa autovía do Salnés (AG-41), especialmente en horas punta.

As obras inclúen a demolición dos firmes e pavimentos en zona de canalizacións, e tamén se prevé a execución de canalizacións, mediante escavacións e a disposición de tubos de polietileno de diámetro 110 mm para a rede de electricidade e de PVC de diámetro 75 mm para a de telecomunicacións. Para a gabia disporase de recheo con material seleccionado e formigonarase para protección de conducións, e executaranse as correspondentes arquetas de derivación e cruzamento.

Nesta intervención inclúese, tamén, a subministración e instalación de semáforos, e de regulador de tráfico, así como o cableado e operación complementarias ata a súa posta en funcionamento.