Solidariedade dende a escola ata os fogares máis necesitados

A aula de 6º do CEIP A Florida organizou unha xornada de compras para doar un premio acadado no Entroido
escar
photo_camera O alumnado durante a compra dos produtos no supermercado. DS

Os 21, todos xuntos, en fileira e por grupos, saían durante esta semana das instalacións do CEIP Plurilingüe A Florida para dirixirse a un dos supermercados da vila de Sanxenxo máis próximos á escola, tras realizar un estudo de mercado co obxectivo de mercar o máximo de produtos posibles para doar ao Banco de Alimentos. Son as alumnas e alumnos de 6º curso de primaria, que hai unhas semanas acadaron un premio do Concello de Sanxenxo polo seu disfraz de ‘Lixo Busters’ no desfile de Entroido e, se algo tiñan claro, é que os 120 euros gañados a base de inxenio e retranca tiñan que servir para mellorar a vida das persoas que máis o precisan.

Labores de carga na furgoneta do Banco de Alimentos Rías Baixas. DS
Labores de carga na furgoneta do Banco de Alimentos Rías Baixas. DS

Colaborando entre todos, seleccionaron coidadosamente cada produto no supermercado, encheron os carros e fixéronse cargo das compras durante todo o percorrido de volta ao centro, levando cadansúa bolsa reutilizable, e orgullosos da acción emprendida.

Unha vez no centro, deron conta da variada cantidade de víveres que conseguiron mercar, e que cobren as necesidades básicas de fogares aos que, sen dúbida, lles facilitarán a vida coa súa acción. Pañais, galletas, azucre, galletas sen glute, cacao soluble, tomate frito e, por suposto, doces para os cativos e cativas, foron algunhas das compras que realizaron, seguindo minuciosamente a lista da compra.

Durante o mediodía deste mércores chegou o momento de entregar a mercadoría ao Banco de Alimentos, un momento emocionante para os nenos e nenas, que estiveron presentes nas labores de carga do vehículo, orgullosos da acción realizada.

O CEIP A Florida desenvolve frecuentemente accións solidarias, entre elas, colaboracións co Banco de Alimentos e doazóns en épocas coma o Nadal, e realiza actividades que fomentan o coñecemento dos cativos sobre o medio e a vila na que viven. Actualmente, traballan nun proxecto para coñecer os servizos do Concello.