Patricia Aguín: artesá florista e quinta clasificada no Interflora World Cup 2023

"Ser quinta do mundo está ben, pero campioa do pobo é o mellor"

Despois de acadar a quinta posición no mundial de arranxos florais disputado en Mánchester, Patricia Aguín xa está en Portonovo, e cun segundo título baixo o brazo: o de ser a concursante do certame que máis cariño recibiu por parte do público. Toda unha ‘celebrity’ florista
No centro da imaxe, Patricia Agüín durante o Interflora World Cup 2023. DS
photo_camera No centro da imaxe, Patricia Agüín durante o Interflora World Cup 2023. DS

Campioa do Pobo ou, segundo o orixinal en inglés, The people’s champion. Patricia Aguín enterouse ao pouco de regresar a Portonovo dende Mánchester desta singular titulación que outorga o Interflora World Cup 2023, no que vén de concursar durante tres días a pasada fin de semana, a partir das votacións do público. Trátase dunha distinción que acolleu con moito agarimo, e que se suma ás mostras de afecto recibidas durante os últimos días polos seus veciños, achegados, e incluso fans de todo o Estado que a converteron en toda unha estrela da arte floral.

Ten a todo o pobo revolucionado, todo o mundo está moi orgulloso de vostede...
Si, incluso estando alí en Mánchester, todo o mundo estaba apoiándome e mandándome cariño. Aínda non se sabía nada dos resultados pero a xente xa estaba revolucionada. Foi moi emocionante, porque veu a miña familia, o meu equipo e algún amigo. Estiveron conmigo os meus pais e o meu irmán e a súa moza, e foi incrible. Aquí no pobo estaban todos informados a través deles e iso axudoulles a seguir o concurso e a vivilo de cerca.

Tamén tivo un recibimento á chegada.
No aeroporto estaban agardándome con globos e na casa a miña veciña Clara, a súa nai e a súa irmá fixéronme unha pancarta enorme e preciosa que aínda teño na porta da casa. Estou encantada e moi agradecida.

Como viviu os momentos previos á viaxe?
Estaba nerviosa porque todo o mundo me dicía que era moi difícil conseguir algo, que había anos que non se quedaba nun bo posto. Eu fora ao certame de Toledo que gañara o ano anterior pero a nivel mundial nunca vira nada nin sabía con que me ía atopar. Pero estando alí xa o levei ben, a xente foi moi agradable e estaba tranquila porque ía sen expectativas.

E a competición?
A primeira xornada foi moi familiar, de toma de contacto, e foi moi bo porque cando abriron as portas xa nos coñeciamos todos. Cando entrou o equipo España aquilo foi unha revolución. A primeira proba fíxena tranquila porque levabámola preparada da casa. Pola tarde houbo un traballo sorpresa relacionado co símbolo das abellas que teñen en Mánchester. Era coma un panal e nesa proba dubidei. Fixen a composición baixa e todo o mundo a fixo alta, dábame a sensación de que era pequena. Pero como o segundo día tocaban outros dous traballos que levabamos ensaiados sentinme moi cómoda, fun ben de tempo e quedáronme ben. Esa mesma noite xa foi a semifinal.

Que sentiu cando soubo que pasaba á final?
Primeiro pasamos dez persoas ás semifinais e esas dez fixemosunha proba  sorpresa en directo, das que nos seleccionaron aos cinco finalistas. Pasar entre os dez primeiros xa me fixo moi feliz. E cando pasamos os cinco iso foi incrible. Todo o mundo estaba emocionadísimo. Eu subín ao palco chorando, de velos a eles chorar diante de min.

Cal foi a súa maior ledicia en todo este tempo?
Había un concurso paralelo no que se elixía ao Campión do Pobo e ese gañámolo pola cantidade de xente do pobo que votou a través de Instagram e tamén de xeito presencial alí no certame.

Entón a nivel de apoio superou a tódolos países...
Si, iso foi todo cousa da xente de aquí e estou moi contenta. Ser quinta do mundo está ben, pero ser campioa do pobo é o mellor. Todo o cariño que me deu a xente foi incrible. Estou feliz.