Sanxenxo recupera o festival folclórico da man de Soalleira cun intercambio cultural

▶ O evento celebrarase o vindeiro 5 de outubro no Pazo Emilia Pardo Bazán e contará con tres agrupacións, unha delas chegada dende Ibiza
Soalleira o pasado ano polas rúas de Ibiza durante a súa visita. DS
photo_camera Soalleira o pasado ano polas rúas de Ibiza durante a súa visita. DS

Este 2024 é o ano no que o folclore de diferentes lugares do territorio estatal darase a coñecer en Sanxenxo, grazas á recuperación do Festival Folclórico Soalleira de Dorrón, que interrompeu a súa celebración durante a pandemia, e que agora se retoma como novidade dentro da programación das moitas actividades e iniciativas encabezadas pola asociación que lle dá nome, pero dun xeito moito máis especial.

O evento, que anteriormente se celebraba no campo de festas de Dorrón, levarase a cabo nesta edición, que xa está programada para o vindeiro 5 de outubro, no auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, e terá un carácter de irmandade entre a agrupación afitrioa, Soalleira, e as dúas convidadas que chegarán dende outras comunidades, e entre as que xa está confirmada a presenza de Colla Sa Bodega Eivissa. Precisamente, esta visita é moi agardada pola asociación sanxenxina que, pola súa banda, xa visitou Ibiza nun primeiro intercambio con Colla Sa Bodega que tivo lugar o pasado ano. "Fainos moita ilusión, nós xa estivemos en Ibiza compartindo con eles varios días, riqueza cultural e vivencias, e temos moitas ganas de recibilos en Sanxenxo e de volvernos atopar", valorou a presidenta de Soalleira, Mari Agís.

No que respecta a unha segunda agrupación de fóra que actuará no festival, ademais da propia Soalleira, a asociación mantén contactos con Asturias ou Valencia e pechará a cita nos vindeiros meses.

NOVIDADE NO CONCURSO. A asociación, que actualmente atópase tamén inmersa na organización do VI Concurso de Música Tradicional Soalleira, que terá lugar tamén no Pazo Emilia Pardo Bazán o 12 de maio, coa participación de diferentes grupos a nivel galego e máis de 3.000 euros en premios, vén de pechar unha novidade na cita. Trátase da creación dunha nova categoría, co obxectivo de incluir no certame a aquelas persoas pertencentes a grupos de pandeiretas que aprenderon a tocar en idade adulta.

Trátase dunha idea que, segundo explica Agís, Soalleira toma prestada "dun concurso que organiza a Asociación Retranqueiros de Ames, e que xurdiu por primeira vez o ano pasado. Pareceunos tan boa idea que este ano queremos engadila no noso concurso, para premiar tamén a esa xente ‘sénior’ do ámbito do folclore", sinalou.