A restauración da capela da Nosa Señora da Lanzada conta cun orzamento de 110.000€

O obxectivo desta actuación é evitar un posible deterioro irreversible no ben e a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar
Ermita Nosa Señora da Lanzada en Sanxenxo O Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Vista da capela da Nosa Señora da Lanzada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta vén de adxudicar a empresa Parteluz Estudio a restauración da capela da Nosa Señora da Lanzada, no Concello de Sanxenxo, por 110.000 euros segundo se publica no portal de contratación. Trátase dunha actuación cuxo obxectivo é garantir a conservación deste ben incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar.

Para conseguilo, o proxecto que se porá en marcha nas vindeiras semanas, cun prazo de execución aproximado de cinco meses, inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea.

En concreto, tal e como se reflicte nos pregos, consistirán na eliminación de plantas superiores, na preconsolidación de placas de pedra e limpeza mecánica da superficie, na eliminación dos morteiros deteriorados e de cemento, na desalación e no selado de gretas e fendas, entre outras tarefas.

Ademais asentaranse as sopenas e a cruz da fachada principal deste antigo templo católico, á que tamén se lle devolverá a verticalidade. A maiores, executarase un estudo histórico arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior.

A ermida da Nosa Señora da Lanzada é un templo dos séculos XII ou XIII situado na parroquia de Noalla, no Concello de Sanxenxo. O lugar de emprazamento do templo, que anteriormente era unha illa e a día de hoxe é un istmo, está habitado desde tempos remotos, sendo testemuño diso os innumerables restos achados nas inmediacións dun antigo castro que data do século VIII a.C. Un lugar cargado de historia e espiritualidade que veu pasar ou asentarse nel a varias civilizacións e grupos étnicos durante case 3.000 anos.