Produtos da comarca e paixón pola hostelería: As claves das ‘Recetas do Salnés’ 2.0

▶ O Obradoiro de Hostelería do Salnés presentou este venres o segundo volume do seu recetario cun ‘showcooking’ en Sanxenxo

Cabala en escabeche, fideos con ameixas, empanada de millo con berberechos ou galo de curral de Meis son só algúns dos produtos e elaboracións entre as máis de 30 recetas que alberga o segundo volume do recetario creado por alumnado, profesorado e directiva do Obradoiro de Hostelería do Salnés, que se presentou este venres na súa sede de Sanxenxo cun showcooking no que o novo alumnado e tamén o da pasada edición que contribuiu á creación do libro, estivo arroupado por alcaldes en funcións e representantes das institucións vencelladas á Mancomunidade do Salnés, que promoveu a iniciativa a través dunha subvención da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.

O 'showcooking' en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Durante a mostra, os asistentes puideron gozar de varios dos pratos estrela que inclúe o volume ‘Recetas do Salnés’, distribuido en entrantes, postres e bebidas, e pratos principais a base de fideos, carnes, peixes e mariscos, cun toque moi especial: todos os pratos están feitos a base de produtos da comarca. E non só. Tamén as bebidas, coma o mojito de Albariño ou a sangría con tinto de Barrantes son todo un selo de calidade comarcal.

"É un proxecto custoso, que levou moito tempo porque fixemos todo nós, dende o Obradoiro de Hostelería, apoiados por FEPRAGAL, que nos cedeu un fotógrafo. Pero cremos que o resultado e moi bo, e foi un orgullo contar co alumnado. Un gran número dos que participaron na elaboración do libro, que son os da edición pasada, acudiron á presentación, tendo en conta que todos están xa traballando. É un proxecto moi especial", sinalou a directora do Obradoiro de Hostelería, Carmen Germade.

O 'showcooking' en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Na composición das recetas, ademais do alumnado de cociña e sala, participou a docente de Sala, Pilar Amoedo, e o docente de Cociña, Paco Canedo.

O 'showcooking' en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O volume distribuirá as súas 750 copias polos municipios do Salnés e poderase obter de xeito dixital a través da web da Mancomunidade do Salnés.