Portonovo, sede da formación en turismo mariñeiro e pescaturismo

▶ A antiga sala de poxas da lonxa acolleu a entrega de diplomas ás persoas que participaron nos cursos, outorgados por diferentes autoridades
O alcalde e o conselleiro do Mar asistiron ao acto. DS
photo_camera O alcalde e o conselleiro do Mar asistiron ao acto. DS

A antiga sala de Poxas da Lonxa de Portonovo vén de acoller a entrega dos diplomas dos Cursos de Turismo Mariñeiro Mar das Illas, un proxecto co que se busca promover a diversificación pesqueira a través do turismo mariñeiro entre os profesionais do mar e os seus familiares nas Rías Baixas, concretamente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Ao evento, organizado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, asistiu a conselleiro do Mar, Alfonso Villares; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o director do Parque Nacional Illas Atlánticas, José Antonio Fernández; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; a presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez; e o patrón maior da Confraría de Portonovo, Martín Domínguez.

Vázquez destacou a boa acollida que está a ter esta iniciativa desde a súa posta en marcha no ano 2017. Desde entón, como explicaron desde o GALP, ofrécenlle anualmente aos traballadores e traballadoras do sector a oportunidade de formarse en turismo mariñeiro e pescaturismo. Ámbalas actividades resultan moi beneficiosas para as comunidades costeiras ao permitirlles diversificar os ingresos que xera o mar e crear novos postos de traballo. Así mesmo, contribúen á preservación da cultura mariñeira, fomentan o turismo sostible e a conciencia ambiental. Nesta liña, Domínguez, o patrón maior da Confraría de Portonovo, destacou a importancia que ten que a cidadanía coñeza de primeira man como é o seu día a día para que aprecien verdadeiramente o valor dos produtos pesqueiros.

Pola súa banda, Villares salientou o apoio da Consellería do Mar a este proxecto e ao sector, en xeral, e Fernández puxo o foco na oportunidade que representa para o Parque Nacional Illas Atlánticas que os mariñeiros e mariñeiras divulguen as súas riquezas. A iniciativa ten continuidade nun programa de mentorización.