Portonovo, un punto de unión entre mozos e maiores para combater a fenda dixital

▶ Dez voluntarios apoian a 22 maiores de todas as parroquias de Sanxenxo nas tecnoloxías e na vida diaria dende a Casa Mariñeira de Don Fernando
Usuarios e voluntarios durante a primeira sesión na Casa de Don Fernando. DS
photo_camera Usuarios e voluntarios durante a primeira sesión na Casa de Don Fernando. DS

Enviar un link a un amigo, usar a cámara do móbil e mandar fotos, o Whatsapp, as redes sociais, cambiar o fondo de pantalla, as actualizacións, ou o medo ao roubo dos seus datos. Son barreiras que, dende o pasado xoves, fixéronse moito máis pequenas para 22 maiores de todas as parroquias de Sanxenxo, grazas ao agarimo, a paciencia e a confianza de dez voluntarios e voluntarias de entre 12 e 19 anos do programa +Xuventude do municipio, que xa se converteron nun piar máis grande do que eles e elas mesmas imaxinan para as persoas que día a día teñen que lidiar coa fenda dixital, coa soidade e con tantas outras circunstancias sociais nas que non se lles ten en conta.

Son Mateo, Mar, Noela, Roi, Adrián, Sergio, Miguel, Julia, Román e Alex. Estes dous últimos, con só 12 anos, conseguiron asumir un importante papel xunto aos outros compañeiros e compañeiras que cursan, na súa maioría, 3º e 4º da ESO. "En principio, os máis pequenos soamente ían colaborar, pero cando me decatei xa estaban falando cos maiores e ensinándolles igual de ben que os seus compañeiros", asegura a técnica de Xuventude Dori Martínez, responsable do taller Nas túas mans. Aprendendo xuntos, aprendemos todos, impulsado pola Concellería de Xuventude de Sanxenxo.

Usuarios e voluntarios durante a primeira sesión na Casa de Don Fernando. DS
Usuarios e voluntarios durante a primeira sesión na Casa de Don Fernando. DS

A idea, conta, xurdiu cando unha das actuais usuarias do taller, que vive soa, lle comentou algunhas das súas necesidades cando, no día a día, non ten a quen preguntarlle as súas dúbidas co teléfono móbil. "Conteillo ao grupo de gamers e propúxenlles participar como voluntarios, un campo no que xa tiñan experiencia. Pero agora non se trataba de cumprir con tarefas coma as que realizan en probas deportivas, senón dun trato cercano con persoas maiores, de ter paciencia e saber ensinar. Díxenlles que non quería charlas monográficas, senón que se comunicaran con eles», conta a técnica. Dito e feito. Os mozos e mozas instaláronse á perfección no seu papel de mestres e, á vez, acompañantes, xerando unha sinerxia "na que todos aprendemos os uns dos outros". "A algún maior dáballe vergoña non saber nada sobre os móbiles. Pero entón preguntámoslle polo oficio ao que se adicou e falamos de todas as cousas que si sabe facer, e nós non, e van perdendo a vergoña. O máis bonito do proxecto é falar sobre o que lles gusta, abordamos o tema da soidade, e é unha hora que queda curta", asegura.

Usuarios e voluntarios durante a primeira sesión na Casa de Don Fernando. DS
Usuarios e voluntarios durante a primeira sesión na Casa de Don Fernando. DS

E, a ledicia por desbloquear algunhas limitacións non ten prezo. "Agora xa podo ler a carta dos restaurantes!", exclamaba un dos usuarios do taller o pasado xoves tras aprender a usar o QR, nunha sesión que acabou cun aplauso para o voluntariado, e que continuará cada xoves de 16.00 a 17.00 horas na Casa Mariñeira de Don Fernando. A clave do éxito: a comprensión. "Moitos din que os fillos e netos non teñen paciencia para explicarlles, e un dos nenos decatouse de que coa súa avoa non o estaba facendo ben. O que estamos creando é un vínculo moi bonito entre eles", conta a técnica.