Máis de 100 alumnos do IES de Sanxenxo estudan as dunas de Baltar co Colectivo Ecoloxista do Salnés

CES abordou a "necesidade de acometer canto antes o proxecto de rexeneración redactado no seu día polo Concello"
Alumnado do IES de Sanxenxo durante a actividade en Baltar. DS
photo_camera Alumnado do IES de Sanxenxo durante a actividade en Baltar. DS

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) vén de realizar unha nova edición do proxecto de educación ambiental Coidemos as nosas dunas en colaboración co IES de Sanxenxo, entidade coa que colabora dende o ano 2017, e da que nesta ocasión participaron un total de 109 alumnos e alumnas de 1º e 4º da ESO, que se achegaron a examinar as dunas de Baltar.

Durante a actividade, acadouse un dobre obxectivo. Por un lado aproveitouse un recurso educativo moi próximo ao alumnado para estudar de xeito práctico contidos do temario de Bioloxía e Xeoloxía de 1° e 4° de ESO, como son os conceptos de ecosistema, biótopo, biocenose, redes tróficas ou adaptacións. Por medio de unha charla e unha ruta guiada polas dunas, o alumnado tivo ocasión de reforzar estes contidos de forma práctica e significativa, ademais de gozar do contacto coa natureza, e das vantaxes de aprender nela.

O segundo obxectivo, consistiu en poñer en valor os ecosistemas dunares do concello, especialmente o de Baltar, "sometido a tanta presión por estar en zona urbana, e durante tanto tempo sometido a todo tipo de impactos e actuacións desafortunadas", segundo valoraron dende o CES. Unha delas, aseguraron, "as rozas indiscriminadas con tractor, que continúan hoxe en día". Así, analizáronse as "consecuencias desta práctica tan daniña para o ecosistema", como son a eliminación de especies dunares, compactación do terreo, propagación de especies invasoras, perda de hábitats para a fauna, e incluso morte de exemplares de fauna como ourizos cachos. Dende CES tamén salientaron outras accións perxudiciais como "deixar os cans soltos polas dunas.Os cans co seu instinto depredador poden molestar ou aniquilar fauna propia deste ecosistema, ademais de que a materia orgánica aportada polos seus excrementos favorece a substitución das plantas dunares por outras non propias deste ecosistema", explicaron. Así CES abordou a "necesidade de acometer canto antes o proxecto de rexeneración redactado no seu día polo Concello".

De cara ao vindeiro mes de maio, o colectivo volverá levar a cabo unha charla e unha acción de eliminación de especies invasoras neste terreo co alumnado de 4º da ESO, como colofón a esta actividade.