SOS Sanidade Sanxenxo responde: "Este ano o que sobran son consultas baleiras e falta persoal"

Segundo denunciou o colectivo, "o certo é que a maior parte do verán, o centro de saúde contou cun máximo de dous facultativos que atendían urxencias e desprazados"
Centro de saúde de Baltar. DS
photo_camera Centro de saúde de Baltar. DS

A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo valorou a futura ampliación do centro de saúde de Baltar asegurando que "fará falta espacio, pero este ano o que sobran son consultas baleiras e falta persoal", tras a luz verde ao proxecto anunciada este venres polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha visita ao centro. A plataforma calificou de "paripé" a iniciativa dos pisos gratuitos para facultativos que se levou a cabo durante o verán "e que din que foi un éxito".

Segundo denunciou o colectivo, "o certo é que a maior parte do verán, o centro de saúde contou cun máximo de dous facultativos que atendían urxencias e desprazados. O resto da poboación, incluídos crónicos, vímonos totalmente desatendidos. Se por iso fose pouco, tampouco funcionou o servizo de urxencias as 24 horas. Se isto é un éxito, non queremos nin pensar que pasaría no caso de ser un fracaso", afearon.

Dende SOS Sanidade Pública Sanxenxo quixeron destacar que "estamos moi a favor de que se fagan cribados tanto a neonatos como de todo tipo de cancro e outras probas adicionais que poña en valor e faga efectiva a mediciña preventiva porque salva vidas, sempre e cando despois se traten de forma eficiente e correcta poñendo os medios necesarios". No obstante, denunciaron, "o que non din é que é preferible que a proba a realice unha matrona, xa que vai ter maior fiabilidade, fará unha valoración completa especializada e en caso de aparecer algún indicador alterado realizan a citoloxía xa ao momento. Tampouco dixeron que recorren ao autocribado porque non hai matronas en todos os centros de saúde. De feito, a matrona que temos en Baltar é compartida con outros centros de saúde", destacaron.

No caso do cribado neonatal, afirmaron que "é necesario e xusto. Pero, unha vez diagnosticado e tratado por especialistas, quen vai facerlle o seguimento aos nenos e nenas, se non hai pediatras nos nosos centros de saúde? Esta mesma semana enterámonos de que hai crianzas que están sendo derivados a médicos e médicas de familia porque non contratan pediatras. Escúsanse en que non hai, pero iso non é certo, xa que na Sanidade privada hainos".

Por último, afearon que "ás portas das pasadas eleccións municipais, leváronse a cabo melloras no centro de saúde, ampliando o número de cubículos para pediatras que hoxe están baleiros a maioría dos días. Levan anos sen contratar e sen repoñer as prazas que van quedando sen cubrir nos nosos centros de saúde, e agora pretenden solucionalo ampliando e construíndo edificios, así como botando balóns fóra dicindo que as competencias sanitarias non son autonómicas, cando aplicaron un 155 sanitario en Galicia. O PP só entende de ladrillo e o persoal, se iso, que o paguemos no privado dos nosos bolsillos".