A Plataforma pola Sanidade Pública de Sanxenxo denuncia o estado do centro de saúde de Baltar

Pide que se cubran as baixas do persoal, que quere "un traballo digno"
Desperfectos no centro de saúde de Baltar. DS
photo_camera Desperfectos no centro de saúde de Baltar. DS

Desde a Plataforma Sanidade Pública Sanxenxo trasladaron a súa indignación ao Xerente da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnes, José Flores, asegurando que "non pedimos milagres", facendo alusión ás últimas declaracións do xerente. "Distintas asociacións, plataformas, veciños e veciñas levamos anos reivindicando que se cubran as baixas e/ou ausencias do persoal dos nosos centros, así como que se leve a cabo un correcto mantemento das instalacións". 

Neste sentido, aseguraron, "estamos vendo como o noso centro de saúde de Baltar sigue con goteiras, cando non é nun sitio é noutro, o que demostra unha total e absoluta deixadez á hora de acometer traballos de mantemento, e para manternos caladas ano tras ano prometen amplicións do centro de saúde que nin sequera se reflexan nos orzamentos do Parlamento de Galicia. As mentiras é o que teñen, patas moi curtas", aseguraron de xeito contundente.

Por outra banda, dende o colectivo quixeron trasladar que "non imos ós centros de saúde por gusto e, debido ás grandes listas de espera, e á ausencia de persoal, hai moitas persoas que están chegando con problemas moi serios e con estadíos de enfermidades moi avanzadas por non ter a atención sanitaria cando comezan cos primeiros síntomas. Tampouco é certo iso de que as listas de espera para especialistas son longas porque non hai profesionais que non queren traballar. O que queren é ter un traballo digno e prefiren ir traballar onde llo garantan". manifestaron.