O BNG de Sanxenxo critica o rexeitamento do PP no Pleno a actuar no CEIP A Florida

O voceiro, Francisco Leiro, sinalou que "a excusa do PP para non facer nada é que o conselleiro prometeu un pavillón novo"
Humedades en el pabellón del CEIP A Florida. DS
photo_camera Humedades en el pabellón del CEIP A Florida. DS

O voceiro do BNG de Sanxenxo, Francisco Leiro, alertou sobre o rexeitamento por parte do Partido Popular durante o último Pleno da Corporación a unha moción presentada polos nacionalistas para solicitar a inmediata reparación do pavillón do CEIP Plurilingüe A Florida, debido ao seu actual mal estado, que se acentúa especialmente en épocas de choiva.

"Parécenos lamentable que o señor Martín non mova un dedo para dar resposta a unha necesidade tan acuciante", lamentou Leiro, que acusou ao alcalde, Telmo Martín, de non ter en conta as demandas e necesidades de numerosos usuarios e usuarias. "Non hai excusa posible para que o Concello non tome medidas, cando dispón dos medios para paliar moitos dos problemas que presenta a infraestrutura", entre as que destacan a mala iluminación e, sobre todo, as fochancas que se acumulan en varias partes da superficie e da bancada en épocas de choiva, que provocan que practicamente a metade do espazo non poida ser utilizado. A isto tamén hai que sumar o deterioro da superficie, totalmente cuarteada en moitas zonas.

"A excusa dada polo Partido Popular para non facer nada é que o conselleiro de Educación prometeu un pavillón novo nunha visita que fixo hai un ano ás instalacións. Pero este tipo de promesas electoralistas do PP xa as coñecemos ben", criticou o voceiro do BNG, que lembrou que "tamén se prometeu por parte do Partido Popular unha ampliación do Centro de Saúde de Baltar, unha actuación que non aparece contemplada nos Orzamentos autonómicos para 2024", partida que para Sanxenxo "será só de 25.000 euros",

Leiro reiterou as "queixas e denuncias constantes realizadas por nais e pais do alumnado" de A Florida, "así como por parte de usuarios e usuarias que acoden ás diferentes actividades lúdicas e deportivas que se realizan nestas instalacións", sobre a que "o Goberno municipal non ten previsto tomar ningún tipo de medida para garantir a seguridade".