Noalla recupera o Gran Magosto "que nunca se debeu perder" 12 anos despois

▶ A cita terá lugar este sábado no municipio e celebrarase a base de doazóns, cun gran número de persoas e entidades implicadas no seu "novo rexurdir"
Unha celebración na Carballeira de Noalla. ARQUIVO
photo_camera Unha celebración na Carballeira de Noalla. ARQUIVO

O pasado outono de 2011 a parroquia sanxenxina de Noalla celebrou o que sería, entón, o seu derradeiro Gran Magosto, unha famosa cita na zona que naquel momento, con moito esforzo, sacaba adiante a Comisión de Festas Virxe do Carme, que finalmente viuse abocada a renunciar á súa celebración.

Terían que pasar uns 12 anos para que, pese aos intentos que xurdiron ao longo de máis dunha década, unha das tradicións máis queridas en Noalla volvese ver a luz. Era, en palabras do vicepresidente da Asociación Xuvenil A Esmorga, Damián Garrido, "unha demanda que dende a asociación viñamos intentando cumprir xa varios anos atrás. É algo que sempre se falou, e que se estivo intentando organizar, pero nunca chegamos a poder facelo", explica. Sen embargo, a última asemblea xeral que se levou a cabo este ano, expresou a súa clara vontade de recuperar a festa. "Os socios votaron por maioría absoluta devolver esta tradición que nunca se debeu perder en Noalla, porque cremos que vai ter unha boa acollida entre os veciños. Trátase dunha festa que se fai nestas datas e que sempre foi importante en Galicia", sinalou.

Grazas ás persoas e entidades implicadas, o colectivo puido xestionar a organización da festa "case cun gasto cero para a asociación". Así, o Magosto será máis popular ca nunca, posto que se levará a cabo grazas ás diferentes doazóns. "Todo é doado, desde as castañas que se van asar ata a última barra de pan. Lográmolo con moitas xestións, e consultando con empresas para que colaboraran, conseguiuse sacar adiante a festa", apunta Garrido, quen tamén destacou a implicación dun "número de xente importante que quixo colaborar con A Esmorga na organización"e das «empresas que quixeron colaborar dun xeito desinteresado", co apoio da Comunidade de Montes de Noalla.

BARRA LIBRE DE VIÑO. O Magosto é gratuito, tanto o consumo de castañas, coma o pan e os chourizos que se poderán degustar se ben, no caso da bebida, a asociación porá á venda unhas cuncas de barro rotuladas co recordo da festa, que se poderán adquirir por un euro, e "recargar cantas veces se queira. Quen queira viño, soamente ten que pagar a cunca unha vez", explicou o vicepresidente.

Tamén haberá música a cargo do Dúo Punto Zero e xogos, con carreira de sacos, tiro á corda, tiro á chave, e carreira de ovos. A celebración comezará ás 16.30 horas do 18 de novembro na Carballeira de Noalla. "Agardamos que este novo rexurdir da festa teña unha boa acollida", dixo Garrido.