Mulleres que abren camiño

Nove referentes ▶ Unha bateeira, unha deportista, sanitarias ou unha gardamariña. Son algunhas das mulleres de Sanxenxo que este ano inspirarán ao municipio no marco do 8-M, da man dunha iniciativa que pretende inmortalizar a súa labor a través dunha reportaxe audiovisual
 
As veciñas de Sanxenxo que participarán na iniciativa no marco do 8-M. DS
photo_camera As veciñas de Sanxenxo que participarán na iniciativa no marco do 8-M. DS

Rita vázquez foi unha das primeiras bateeiras de Sanxenxo, adicando a súa vida ao cultivo do mexillón, mentres que Zoe Rey impulsou con moito esforzo a creación da hoxe recoñecida firma de moda Ara de Rey. Ao mesmo tempo, Carmen Názara despuntaba coma unha das poucas mulleres con carreira militar en Sanxenxo, converténdose na única muller na súa promoción de gardamariñas a bordo do Juan Sebastián Elcano, e Eva González posicionábase no segundo posto das probas de acceso ao sistema de formación sanitaria RFIR en toda España. Estas son só algunhas das mulleres que, dende Sanxenxo, abriron e continúan a abrir camiño no municipio e no mundo, no eido profesional, cultural ou deportivo, e que, con motivo do vindeiro Día Internacional da Muller (8-M), saen do anonimato para inspirar a todo o municipio e, sobre todo, ás novas xeracións de nenas que veñen detrás.

Con este obxectivo, o Concello de Sanxenxo pretende dar a coñecer a traxectoria de nove veciñas inspiradoras de distintas parroquias do municipio, en calidade de "promotoras, impulsoras e inspiradoras en distintos ámbitos". Trátase, segundo explicaron dende o Goberno local, de "mulleres que destacan por rachar estereotipos, servir de exemplo coa súa labor e destacar de forma sobresaíante nas súas accións". 

Con elas, despois dun proceso de selección iniciado a finais do pasado mes de xaneiro, e ao que toda a veciñanza do municipio puido presesentar a candidatura daquelas veciñas consideradas como referentes en calquera ámbito, o Concello rodará unha reportaxe audiovisual en formato de autoentrevista, que será proxectado nas vésperas do 8-M para dar a coñecer a labor, a traxectoria e as vidas destas nove referentes. Ademais, tamén co gallo do 8-M, todas elas colaborarán na elaboración dun eslogan promocional do Concello en prol da igualdade, do empoderamento femenino e en contra da violencia de xénero, que será gravado en lugares emblemáticos do municipio e que perdurará "coma un produto non perecedeiro e unha mostra do papel da muller e contra todo tipo de violencias machistas", tal e como manifestaron dende o Goberno local. 

Pola súa banda, o vídeo promocional presentarase o 8 de marzo no Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, a partir das 20.00 horas, e contará coa presenza das protagonistas, ás que se lles fará un recoñecemento público en agradecemento pola súa colaboración neste proxecto.

Rita Vázquez Vázquez

Como unha das primeiras bateeiras do municipio no cultivo do mexillón, ao que adicou a súa vida nun sector completamente masculinizado, foi recentemente recoñecida pola Asociación Mulleres Salgadas. Coa súa actividade laboral puido abrir camiño a outras veciñas e tamén á súa filla Inés Patiño Vázquez, que actualmente segue os seus pasos.

Mari Agís Otero

É a presidenta da Asociación Cultural Soalleira de Dorrón, que impulsa o folclore galego, e que conta co maior nivel de asociados entre todas as entidades do municipio, organizando todo tipo de eventos. Tamén é mestra no CEIP A Florida, e compaxina a súa profesión coa súa afección pola música e o baile tradicional, inspirando a moitas crianzas do municipio.

Ana Cancela Muras

Estudou Psicoloxía na USC (1976-1981) e destaca por ser impulsora da actual Escola Municipal de Arte de Sanxenxo. En 2009 iniciou estudos en Belas Artes con 52 anos e dende o 2010 é a directora do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo (Foro Galicia Milenio), que ten como obxectivo promover e catalogar a etnografía, patrimonio, historia e tradicións do municipio. Tamén é autora do libro ‘Mulleres entre redes’.

Zoe Rey 

É a directora creativa e fundadora da firma de moda Ara de Rey, que se atopa entre as máis prometedoras do actual panorama estatal, coa súa liña de chaquetas estrela: as ‘Bullinas’. Actualmente Zoe viste a numerosas figuras públicas femininas a nivel mundial.

Sara Durán Piñeiro

É piragüista do Clube de Piragüismo de Portonovo e foi seleccionada para participar no Campionato do Mundo de Maratón de Piragüismo que se celebrará en Pitesti (Romanía), así como en campionatos galegos e de ámbito nacional nos que destaca como unha promesa do mundo da piragua.

María Torres Durán

Como doutora en Menciña, destaca por ser membro do grupo Neumovigo I+i e responsable da consulta de DAAT ( Déficit de Alfa-1 Antitripsina), a enfermidade conxénita potencialmente mortal máis frecuente na idade adulta. Participa en varios proxectos de investigación e é autora de publicacións en revistas nacionais e internacionais.

Eva González Kölmei

Residente de Menciña no Complexo Clínico Hospitalario de Santiago, obtivo o segundo posto a nivel estatal nas probas de acceso ao sistema RFIR (Radiofísico Interno Residente), que selecciona residentes para a especialidade sanitaria que se ocupa da medición e valoración da radiación para contribuir á correcta planificación, aplicación e investigación das técnicas radiolóxicas.

Carmen Názara Besada

Destaca coma unha das poucas mulleres de Sanxenxo con carreira militar, e foi a única muller entre os 61 gardamariñas da súa promoción a bordo do Juan Sebastián Elcano. Na súa promoción, foi a única muller que se incorporou á Escola Naval de Marín entre 86 novos alumnos, e actualmente é unha das poucas mulleres Oficial da Armada española.

Patricia Aguín Carballa

Florista de profesión, foi gañadora do concurso ‘Mejor Artesano Florista 2022’ en Toledo, representando a Galicia co seu taller ‘Florearte’ (Rúa Areal, Portonovo), demostrando o seu talento a nivel individual e en equipo entre 10 semifinalistas que disputaban o título.