Montecelo, Oroza e CEE Pontevedra fanse con tres ouros e dúas pratas nas Galiciaskills

Dous estudantes de Xardinería e unha de Farmacia, unha de Cociña e outro de Servizos e dous do programa básico de Restauración triunfan no campionato de destrezas da FP celebrado en Silleda, no que un dos premios tivo Sanxenxo como destino

 
Premiados do CEE Pontevedra, á esquerda; CIFP Carlos Oroza, no centro; e CIFP Montecelo, á dereita. DP
photo_camera Premiados do CEE Pontevedra, á esquerda; CIFP Carlos Oroza, no centro; e CIFP Montecelo, á dereita. DP

Tres ouros e dúas pratas, en tres competicións individuais e outras dúas por parellas, é o resultado da participación dos centros educativos pontevedreses no sétimo campionato de Formación Profesional Galiciaskills 2023, celebrado estes últimos tres días no recinto feiral de Silleda. Trátase dun certame no que o estudiantado de FP de toda Galicia, elixido desde os seus propios institutos, amosa as súas habilidades dentro de categoría correspondente aos seus estudos.A maioría dos representantes de Pontevedra resultaron galardoados na gala celebrada este venres. Foron tres xornadas intensas, nas que case 200 estudiantes de 84 centros diferentes de toda Galicia participaron nas 24 competicións oficiais.

Estudantes e docentes do CIFP Carlos Oroza co xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares. DP
Estudantes e docentes do CIFP Carlos Oroza co xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares. DP

CIFP Montecelo trouxo dous ouros -ou case se podería dicir tres, pois unha das competicións era por partellas-. Na categoría de Xardinaría paisaxística os primeiros clasificados foron Saúl Váquez-Garza e Tchamba Tunkara, alumnos de FP básica de Xardinería, titorizados por Juan Antonio Moraña Borrageiros, que tiveron que trasladar un xardín do plano á realidade, seguindo unhas características moi específicas. O outro ouro mereceuno Carmen Oubiña Casal, que participou na demostración de Atención Dermofarmacéutica, con Laura López como titora. A rapaza estuda ciclo medio de Farmacia. Sen medalla, pero cunha grande experiencia, volveu Jorge López Cascallar, que participou na competición de Floraría, con Bárbara Carballal como titora.

O resultado acadado encheu de alegría o instituto pontevedrés, que este curso estrea a denominación de Centro Integrado de Formación Profesional. A valoración é "moi positiva", destaca o director, Miguel Carballa. "Non é fácil levar catro convocatorias seguidas recollendo medallas", e iso "fala do compromiso de alumnado e profesorado".

Carballa fixo unha mención especial aos docentes Eliseo Castro e Ángeles Jar, "que foron quen arrancaban ambas competicións" e que nesta ocasión estiveron ausentes por motivos de saúde, explicou. "Esperamos telos o antes posible con nós, pero foron moi ben substituídos por Toño, Bárbara e Laura". O director do Montecelo fixo fincapé en que tanto o equipo de Xardinería como de Floraría están compostos por estudantes de FP básica, "con grandes historias de superación persoal detrás", mentres no caso da competición de  Farmacia era a primera vez que se organizaba.

Meses de preparación para estes días

A escasos metros deste instituto atópase o Centro de Educación Especial (CEE) Pontevedra, tamén un clásico desta competición. Desta volta trouxo unha prata, grazas ao bo traballo da parella formada por Xabier Cores Baliñas e Carlos Couto Alén na especialidade de Básico servizos de restauración. A súa titora foi Mar León Martínez.

Xabier Cores e Carlos Couto, prata para o CEE Pontevedra. DP
Xabier Cores e Carlos Couto, prata para o CEE Pontevedra. DP

E xusto ao lado atópase o CIFP Carlos Oroza, que unha vez máis volveu coa victoria. Neste caso, Nerea Pacheco Casás, de ciclo medio de Cociña, gañou un ouro, titorizada por Damián Rey, e Jorge Domínguez Lorenzo, do CM de Servizos de Restauración, unha prata na modalidade de Servizos de restaurante e bar, con Pedro Sestayo como titor. Non puido lograr o premio Yaiza Couto Villanueva, de Recepción hoteleira, que participou con Pilar Novelle como titora. 

"A miña valoración é moi positiva", destaca o director do Oroza, Manuel Hermo. "Foron moitas horas de preparación e é unha experiencia de aprendizaxe para o alumnado. E, sobre todo, de convivencia durante os días de competición cos seus compañeiros e compañeiras doutros centros de toda Galicia". Hermo destaca tamén a implicación do profesorado titor, o seu traballo e a súa dedicación.

Coa vocación por riba de todo

Nerea Pacheco (Pontevedra, 18 anos) non esperaba "para nada" a medalla de ouro, aínda que admite que ía "bien preparada" para a competición polo seu docente, un traballo que empezaron en xuño. "Al principio los nervios jugaban una mala pasada, pero después lo llevé bastante bien", explica. Foron en total tres probas, como a de elaborar dous pratos concretos en tres horas. "Todo está muy especificado: los ingredientes obligatorios, el tiempo, el peso del plato...". A súa elección fíxose antes de rematar o curso pasado. "Me lo propusieron y acepté sin pensarlo" e agora o seu próximo reto será gañar a Spainskills, en Madrid, a vindeira primavera. A moza titulouse en ESO e mesmo empezou Bacharelato. "Pero en primero lo dejé y fui por lo que me gustó desde siempre, la cocina", matriculándose no Carlos Oroza. Después de algo máis dun ano sabe que a elección foi a correcta. "Elegí bien, sin duda". Os seus plans pasan por continuar co ciclo superior de Dirección de Cociña e depois lanzarse ao mercado laboral para sumar experiencia, primeiro traballando "con grandes cocineros" antes de montar o seu propio restaurante. O pasado verán traballou "en el Casino, en A Caeira" e quedou contenta. "Me dio vidilla para seguir en la cocina". Os seus referentes son Ángel León e Javier Olleros.

Nerea Pacheco e Jorge Domínguez, do CIFP Carlos Oroza. DP
Nerea Pacheco e Jorge Domínguez, do CIFP Carlos Oroza. DP

Cando a presentadora do acto pronunciou o nome de Jorge Domínguez (Portonovo, Sanxenxo, 20 anos) un espilido rapaz chegou ao estrado dando brincos de ledicia para recibir a súa medalla de prata na categoría de Servizos de restaurante e bar. "Non o esperaba para nada. Eu estaba gravando e ao escoitar o meu nome saíu o teléfono polo aire. Que alegría collín!", confesa o rapaz, quen insiste en que a medalla o pillou "de sorpresa", pois "foron as peores probas que puiden facer na miña vida" en dúas xornadas moi estresantes e cheas de nervios e incertidume. "Tivemos ue facer servizos de mesa completos, tirar cañas, desespiñado de peixe, identificar viños e licores, facer capuchinos, faldonear mesas...". Todo iso, competindo con estudantes de ciclos superior, na súa maioría, nun concurso que gañou Melisa Touriñan Canosa, do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña). Jorge e o seu titor levaban "mes e medio" preparando a competición, pero a experiencia, di, é "relativa". Importa "que teñas solutra, que saibas facer as cousas... Non o esperaba para nada", insiste. 

E iso que o recoñecemento non é novo para el, xa unha cara coñecida nas páxinas dos xornais como no restaurante gastronómico do Carlos Oroza, onde sorprende pola súa desenvoltura. Non en van, o pasado mes de febreiro lograra o terceiro posto no XV Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e en maio gañara o Certamen de Servicio de Cerveza Estrella Galicia, así como outro premio no concurso Pontenciencia.