Losada destaca en 'Sanxenxo en clave de Re' o "desafío que é reconstruír a confianza na política"

O grupo socialista de Sanxenxo culminou as súas charlas temáticas cun encontro sobre a relación entre os Gobernos locais e os cidadáns en tempos de crise
O encontro con Antón Losada na Sala Nauta. DS
photo_camera O encontro con Antón Losada na Sala Nauta. DS

O grupo socialista de Sanxenxo vén de culminar o seu programa de charlas temáticas que, na súa última xornada contou co analista político Antón Losada, que falou sobre a relación entre os Gobernos locais e os cidadáns en tempos de crise, unha relación "moi importante porque os Concellos son a administración máis próxima aos cidadáns". Losada considera que “a política local é a que máis capacidade ten para poñer os chanzos para o desafío que se nos vén nos próximos anos, que é reconstruír a confianza na política”.

Cabe recordar que se levaron a cabo tres charlas previas, nas que participou a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Leticia Gallego, que abordou os retos sobre o turismo, así como a deputada no Congreso e voceira socialista en materia de sanidade, Ana Prieto, quen tratou a problemática da sanidade. O arquitecto técnico Carlos Rey, pola súa banda, falou sobre a rehabilitación enerxética nas casas e edificios, e as axudas do Estado para levar a cabo as reformas.

A voceira socialista Ainhoa Fervenza valorou que “as charlas foron un gran éxito porque
puidemos comprobar a implicación da veciñanza con temas que afectan ao seu día a día como
pode ser a sanidade ou a rehabilitación dos seus fogares”.