O PSOE culminou as presentacións do seu proxecto para cada parroquia

Pechou o ciclo a presentación de Padriñán, na que Ainhoa Fervenza expuxo o análise da situación do lugar
Ainhoa Fervenza. DS
photo_camera Ainhoa Fervenza. DS

A agrupación socialista de Sanxenxo culminou esta semana a súa rolda de presentacións en todas as parroquias nas que expuxo o proxecto que tiñan para cada unha. Desta maneira, remataron un traballo que comezaron antes do verán de 2022.

A parroquia coa que se cerraron estas presentacións foi a de Padriñán, na que como en todas as anteriores, a  portavoz socialista, Ainhoa Fervenza, empezou expoñendo o seu análise da situación da parroquia para despois explicar punto por punto o seu proxecto para mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas. Neste senso, tamén houbo un espazo para que os asistentes puideran expresar os seus intereses e inquedanzas de cara a mellorar o proxecto, e desta maneira, adaptalo á realidade social.

Fervenza amosouse moi satisfeita co logrado. “É unha satisfacción incrible ver a implicación de todos os veciños e veciñas que acudiron as presentacións, sempre tivemos unha gran sensación de apoio”. A portavoz afirmou que “a nosa idea sempre foi contar coa opinión dos cidadáns e por iso o noso proxecto sempre estivo aberto a valoracións e suxestións, para así adaptalo as necesidades reais de cada parroquia”.

O grupo socialista comezou tamén as súas presentacións sectoriais

Tras rematar as presentacións do seu proxecto para cada parroquia, a agrupación socialista de Sanxenxo comezou esta semana coas presentacións sectoriais, nas que explicarán o seu proxecto aos representantes de cada sector.

O primeiro sector en ter esta reunión foi o do Turismo, xa que é un dos sectores máis importantes para o Concello e que aporta máis do 80% do PIB de Sanxenxo. Na presentación, a portavoz socialista, Ainhoa Fervenza, explicou detalladamente os seus plans para o sector, sen deixar escapar as posibles ameazas e oportunidades de cara ao futuro “non nos podemos conformar con traballar só 2 meses ao ano, temos que colaborar todos xuntos nunha mesma dirección que é desestacionalizar Sanxenxo”.

Fervenza destacou a implicación dos representantes que acudiron “é moi gratificante poder ver que os representantes teñen un forte compromiso en canto a mellorar o sector se refire. O resultado da reunión foi excelente, puidemos intercambiar ideas e opinións, e podo dicir que todos vamos na mesma dirección”.

Con esta reunión comeza unha serie de presentacións que os socialistas terán con todos os representantes dos distintos sectores do Concello e así o confirmaba Ainhoa Fervenza “cando rematemos estas presentacións, todos os sectores terán en mente o magnífico proxecto que temos para cada un, e saberán que hai unha alternativa ao proxecto do século pasado de Telmo Martín”.