Hostelería do Salnés despide á súa XIV promoción cun pé no mercado laboral

O alumnado recolleu este luns cadanseu certificado de profesionalidade
Entrega de diplomas celebrado este luns en Sanxenxo polo Obradoiro Hostelería do Salnés. DS
photo_camera Entrega de diplomas celebrado este luns en Sanxenxo polo Obradoiro Hostelería do Salnés. DS

Os 20 alumnos e alumnas que despediron este luns a XIV edición do Obradoiro de Hostalería do Salnés, promovido pola Mancomunidade do Salnés e subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, fixérono celebrando que moitos deles xa se atopan activos neste sector do mercado laboral, e outros moitos están en vías de sumarse nos vindeiros días.

Precisamente, é o carácter práctico do proxecto o que permite que o alumnado, que recibe formación á vez que desenvolve un posto de traballo, teña cabida dentro da gran demanda do actual mercado, que emitiu numerosas ofertas ao obradoiro, incluso superiores ao número de alumnado traballador.

Esta promoción de alumnos e alumnas, que este luns puido recoller o seu certificado de profesionalidade de Operacións básicas de cociña, e de Cociña e de Operacións básicas de restaurante e bar e Servizos de restaurante, cursou un amplo programa aproveitando a ampliación dos obradoiros a un ano con especialidades como coctelería, corte de xamón, cata e maridaxe de cervexas e xestión de comunidades virtuais, entre outras.

Así, o alumnado colaborou con asociacións e entidades sen ánimo de lucro coma o Comedor Social de Cáritas e AFASAL, e participou na organización de xornadas gastronómicas coma a de micoloxía, aceite de oliva virxe extra ou o brunch de San Valentín, sen esquecer a realización de ‘showcookings’ na feira Etiqueta Negra Gourmet Galego.

Ademais, repartiu almorzos saudables por diferentes centros de educación primaria de Sanxenxo e colaborou na segunda entrega do recetario ‘Recetas tradicionales de O Salnés’, levando a cabo tamén diferentes xornadas de portas abertas.