Unha histórica VI ‘Muiñada Soalleira’ de Dorrón

Unha andaina, música das gaitas, empanada de millo, churrascada popular e diversión infantil foron os protagonistas da celebración
Veciños e veciñas da parroquia de Dorrón na VI da Muiñada Soalleira. DS
photo_camera Veciños e veciñas da parroquia de Dorrón na VI da Muiñada Soalleira. DS

Na primavera os paxaros casan, as árbores florecen e, nesta última, a parroquia de Dorrón estreou un sendeiro que conecta a praia de Areas co muíño de Xián. Este martes 25 de xullo, ademais do Día de Galicia, a veciñanza da parroquia celebrou a sexta edición da Muiñada de Soalleira. "Creemos que el estreno de la senda le dio un empujoncito a esta fiesta", afirma a presidenta da asociación cultural ‘Soalleira’, María Agis.

A xornada comezou ás 11.00 horas cunha andaina do muíño de Xián ao muíño Da Costa. Alí, o grupo de gaitas ‘Soalleira’ amenizou con música ata as 13.00 horas para dar paso ao Concurso de Empanada de Millo e posteriormente á comida da churrascada popular. Ás 17.00 horas, o grupo ‘Troula Animación’ ofreceu un espectáculo de animación infantil. As gaitas volveron a encher o lugar e, finalmente, rematouse o día de celebración cunha sesión de dj.

Respecto ás 250 reservas de mesas da pasada edición, este ano dobrouse a cifra. "Hubo muchísima gente. Hubo casi 400 reservas de mesas", explica Marís Agis. A festa foi sempre moi acollida polos veciños e veciñas da zona, mais este ano contouse coa visita de varias persoas de fóra.

A muiñada naceu fai sete anos, pero a actual foi a sexta porque polas circunstancias da pandemia interrompeuse durante un ano. O propósito inicial era que, sendo a que preside María Agis unha asocación cultural que promociona o patrimonio galego, esta festa puxese en valor os muíños da parroquia.

Ese día non só se celebrou unha nova edición da Muiñada Soalleira. Os veciños e veciñas de Dorrón, tras varios anos pedíndoo, celebraron tamén a súa senda de muíños acabada no mes de abril.