Historia e música para encarar a segunda semana de festas en Sanxenxo

As Xornadas Sanxenxo na Historia e as xornadas de música infantil enchen a programación cultural e lúdica da vila

<p> Unha das procesións de Nosa Señora da Lanzada, esta fin de semana. OUBIÑA </p>
photo_camera Unha das procesións de Nosa Señora da Lanzada, esta fin de semana. OUBIÑA

A Romería de Nosa Señora da Lanzada e o concerto de María do Ceo serviron para pechar a primeira semana da programación das Festas de Sanxenxo, o pasado domingo, e para dar paso aos diversos actos que durante a semana servirán para ir "quecendo motores" de cara á Festa da Cebola, que se celebrará o próximo fin de semana.

Parte desta programación cultural compóñéna as Xornadas Sanxenxo na Historia, que se celebrarán no Auditorio Emilia Pardo Bazán a partir das 18.00 horas deste luns, e ata o vindeiro mércores. Nesta nova edición, realizaranse mesas redondas, coloquios e presentacións de diferentes temas relacionados co patrimonio, natureza e historia do municipio, ademais de recoñecer o labor como investigador e divulgador de Victoriano Otero, traballador das oficinas municipais durante 54 anos. Otero foi o artífice da primeira campaña que potenciaba a imaxe turística da vila, encargado de por en marcha o expediente que recuperou o escudo e instaurou a actual bandeira.

Asemade, traballou na celebración da Feira da Cebola, entre outros moitos méritos.

O acto inaugural das xornadas será ás 20.00 horas e irá seguido dunha mesa redonda sobre patrimonio A Igrexa de San Pedro de Vilalonga, a cargo de Rafael Fontoira. A continuación abordarase o relatorio Historia e xenealoxía da casa-coto de San Xoán de Dorrrón, de Joaquín Méndez.

PRESENTACIÓN. A exposición sobre Un camiño de Lenda de Rafael Fontoira, servirá para iniciar a xornada deste martes, na que ás 20.00 horas, se celebrará unha mesa redonda con Isidoro Sabell como relato de As antigas casas e familias da primeira liña de Silgar e Victoriano Otero participará con Realizacións do alcalde de Sanxenxo, Ramón Orge Pérez.

Ademais deste completo percorrido cultural, a vila acollerá o xoves unha xornada máis festiva con xogos populares en Silgar (ás 12.00 horas) e unha sesión infantil na Praza dos Barcos, onde actuarán Charo Pita e a familia Papaventos, A fiestra dos soños e Pabísimo. A asistencia é gratuíta e as actuacións iniciaranse sobre as 22.30 horas.