Fran Leiro: "O Orzamento da Xunta é un agravio comparativo intolerable"

Leiro destacou, entre "as ausencias de partidas específicas" para actuacións necesarias, a da anunciada ampliación do Centro de Saúde de Baltar
Fran Leiro (centro) xunto a outros edís do BNG. DS
photo_camera Fran Leiro (centro) xunto a outros edís do BNG. DS

O grupo municipal do BNG amosou o seu malestar polos "paupérrimos investimentos" que a Xunta de Galicia contempla no seu Orzamento de 2024 para Sanxenxo. Segundo explicaron dende o BNG, no documento inicial "apenas constan 25.000 euros para departamentos para usuarios no recinto portuario, o que equivale a unha media de 1,40 euros por habitante. Isto supón un agravio comparativo intolerable con respecto a outros concellos con menos poboación", sinalou o voceiro nacionalista, Fran Leiro, que teme que "a falta de sintonía que existe entre o alcalde, Telmo Martín, e o presidente da Xunta do PP, Alfonso Rueda, pase factura á veciñanza. Ese escaso feeling non pode traducirse en que o Orzamento anual sexa de menos de 1,50 euros por persoa nun municipio de referencia como o noso", criticou.

Leiro destacou, entre "as ausencias de partidas específicas" para actuacións necesarias, a da anunciada ampliación do Centro de Saúde de Baltar. "Nin sequera existe un interese por acometer a dotación de máis persoal sanitario", manifestou. Ademais, o BNG tamén esixiu saber "se finalmente a Xunta vai realizar investimentos para a construción do Mercado de Abastos de Sanxenxo, que tamén prometeron no seu día e que tamén apunta a bomba de fume", lembrando outra actuación prometida coma a estrada de enlace entre o polígono de Nantes e Vilalonga, "da que seguimos sen noticias".