O BNG denuncia o estado do pavillón do CEIP A Florida, agravado pola meteoroloxía

O voceiro nacionalista, Fran Leiro, advertiu de que "durante os últimos días, foron aparecendo pozas en diferentes puntos da pista"
O actual estado do pavillón. DS
photo_camera O actual estado do pavillón. DS

O BNG de Sanxenxo denunciou onte a "precaria situación" do pavillón deportivo do CEIP A Florida, en Padriñán, agravada polas inclemencias meteorolóxicas das últimas semanas. Neste sentido, o grupo local fíxose eco "das numerosas queixas efectuadas tanto polas familias do alumnado como por outros usuarios e usuarias. Estas queixas refírense ás constantes filtracións de auga e problemas de humidade sucedidos, ano tras ano, cada vez que chega o mal tempo", explicaron dende o BNG.

O voceiro nacionalista, Fran Leiro, advertiu de que "durante os últimos días, foron aparecendo pozas en diferentes puntos da pista, a cal, coa condensación, se volve moi esvaradía, polo que xa se teñen rexistrado varias caídas". Alén diso, as filtracións de auga impiden a utilización de parte da bancada. Leiro tildou de "tercermundista" o estado do pavillón, un dos máis antigos da bisbarra, e sinalou como responsable o alcalde, Telmo Martín, "pola súa inacción". "As usuarias e usuarios non están a denunciar nada novo. Este problema lévano padecendo xeracións e xeracións de estudantes así que empeza a chover, pero o señor Martín non dá movido un dedo", dixo.

Detalle das humidades. DS
Detalle das humidades. DS

Leiro lembrou que este pavillón utilízao a diario boa parte do alumnado do CEIP A Florida, tanto para as clases de Educación Física coma nos recreos, cando as condicións meteorolóxicas impiden a saída ao patio. Outras deficiencias ás que aludiu o BNG teñen a ver coa ausencia de traballos de limpeza das canles exteriores e coa situación do Camiño Seguro de acceso, totalmente á intemperie. "Hai uns días, o señor Martín gabábase da reforma executada no pavillón de Baltar, sen dúbida, unha obra moi necesaria. Pero a obriga dun alcalde é velar por que todas as instalacións deportivas cumpran cunhas condicións mínimas de uso seguro. Desgraciadamente, parece que a comunidade escolar do CEIP A Florida maila parroquia de Padriñán por enteiro non resultan unha prioridade para o Goberno do PP", manifestou, avanzando a presentación dunha moción no vindeiro Pleno ordinario.