Flores de Portonovo ao mundo

Patricia Aguín este mércores durante unha xornada de traballo en Florearte. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Novo reto para florearte ▶ Tras converterse na mellor florista a nivel estatal, a sanxenxina Patricia Aguín prepárase para dar o salto ao campionato mundial que se celebrará en Mánchester, un reto que afronta apoiada por un equipo de 10 persoas e con formación intensiva

Cando con 23 anos Patricia Aguín comezou a traballar cóbado con cóbado na floristería da súa nai tras rematar a carreira de Enxeñaría Forestal, non podía sequera imaxinar que 13 anos despois se vería convertida na mellor artesá florista de España, un título que acadou o pasado mes de outubro en Toledo, nin que estaría a punto de dar o salto a nivel mundial. E é que, tan só uns meses despois de facerse co título de Mellor artesá florista no certame organizado por Interflora, Aguín asume "cunha responsabilidade moi alta e algo de nervios" o reto de concursar no Interflora World Cup 2023, que se celebrará os vindeiros días 7,8 e 9 de setembro en Mánchester (Inglaterra).

Pero, para afrontar este momento, que de seguro marcará un antes e un despois na súa carreira, Aguín non está soa. A súa preparación de cara ao certame xa comezou e, dende hai varias semanas, conta cun equipo de profesionais dunhas 10 persoas coas que aborda de xeito incansable a preparación da proba. "Agora mesmo estamos practicando técnica floral. No mundial levas tres traballos xa estructurados desde a casa e logo hai probas sorpresa, polo que a partir de abril serán eles os que veñan aquí para preparalo todo", explica. Polo momento, Aguín é quen viaxa para recibir formacións a Sevilla, e precisamente esta semana viaxará a Valencia, para lograr dar o mellor de si mesma da man de profesionais floristas que, en moitos casos, son antigos e antigas concursantes do certame.

Patricia Aguín este mércores durante unha xornada de traballo en Florearte. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

E, para aspirar a unha boa posición en Mánchester, a esta profesional non lle faltan ideas. Nin apego á súa terra. "A temática vai sobre a nai terra, e o que se premia é a sostibilidade, polo que para as tres composicións que hai que levar estruturadas, farei unha sobre os bosques, outra sobre o mar, e outra sobre as nubes, con materiais de aquí, para que leve algo de Galicia. Bosques, mar e nubes, aquí temos abondo", conta.

UNHA VIDA ENTRE FLORES. Para Patricia Aguín as flores son algo máis que a súa profesión, son a súa vida. Non lembra un momento nin un recuncho da infancia no que non estivera arrodeada delas, e iso débello á súa nai, que a criou nunha pequena floristería que rexentaba tamén en Portonovo. "Cando rematei a carreira e non tiña claro por onde tirar, miña nai propúxome traballar xuntas. Ela é florista de toda a vida, comezou en invernadoiros e logo abriu a floristería. Eu estiven sempre entre flores. Cando eu comecei con ela cambiámonos a un local máis grande, que é o Florearte que temos agora (Rúa Areal, 4), e aquí seguimos as dúas", explica. E comezou a aprender cada vez máis. "Miña nai sempre me insistiu moito na formación, e iso foi o que fixen, a través de diferentes cursos. O malo na floristería é que para formarte tes que ir á privada, e creo que iso é algo que estaría ben cambiar", reivindica.

Patricia Aguín este mércores durante unha xornada de traballo en Florearte. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

E un día decidiuse a dar o paso. "Anoteime no concurso a nivel España despois da pandemia, animada polas compañeiras. O que pasou ese ano é que mudou de data, e eu polas vodas que tiña previstas xa non podía ir, pero lanceime o ano seguinte. Como non me gusta moito competir, fun a probar sen presión, porque mo pedían as compañeiras, houbo 10 probas, e vin que nas dúas primeiras sentíame cómoda", lembra.

Agora, e cun futuro máis que prometedor chamando á súa porta, Aguín prantexa buscar unha saída profesional no eido da formación. "Estanme saíndo moitas oportunidades para cursos e demostracións e quizais o cambiaría polo horario de tenda, pero sempre no eido das flores", afirma.

A sede:
O Priorato de Arra como centro de operacións
O emblemático Priorato de Arra converterase durante as vindeiras semanas na sede da preparación da proba a nivel mundial na que participará Patricia Aguín, despois de que o Concello lle dera luz verde. «Precisabamos un espazo grande para todo o equipo e na miña casa non podía ser, pedímosllo ao Concello e cedéunolo, e estou moi agradecida», asegura.

Muller Inspiradora
Aguín vén de recibir o recoñecemento como Muller Inspiradora outorgado polo Concello de Sanxenxo no marco do 8-M.