A Festa do Jato máis multitudinaria deixou uns 50.000 € na hostalaría local

Unhas 1.600 persoas concentráronse na Rúa dos Viños ao longo da xornada ▶ A organización avanza melloras coma a instalación dun Punto Violeta na vindeira edición, ante o auxe da cita
 
Ambiente na Rúa dos Viños nun dos picos de máxima afluencia. DS
photo_camera Ambiente na Rúa dos Viños nun dos picos de máxima afluencia. DS

A VIII edición da Festa do Jato que se celebrou en Portonovo esta fin de semana «superou todas as expectativas» a nivel de afluencia e de beneficios, nunha xornada histórica de celebración que consolida definitivamente a cita festiva, e que este ano foi a máis multitudinaria de toda a súa traxectoria, deixando arredor duns 50.000 euros en beneficios entre os 12 locais da Rúa dos Viños e os arredor de 20 que se atopan na área de influencia da festa, segundo estimou o sector da hostalaría local, ao ser preguntado por este xornal.

E é que, ao longo do día, a emblemática Rúa dos Viños portonovesa que acolle o epicentro da celebración recibiu arredor de 1.600 persoas, segundo os datos da asociación organizadora, que non rexistrou ningún incidente durante toda a xornada, na que contou coa colaboración do voluntariado do programa +Xuventude do Concello de Sanxenxo como apoio loxístico. Se ben esta última xornada, considerada pola organización como a "máis multitudinaria", puido desenvolverse sen ningún tipo de imprevisto, a Asociación da Rúa dos Viños xa prantexa de cara ao vindeiro ano a instauración de novas medidas coma un Punto Violeta, tendo en conta o crecemento exponencial da cita.

"Houbo varios picos de afluencia nos que a rúa estaba totalmente chea, e iso tendo en conta as previsións meteorolóxicas que había, e que daban choiva. Houbo moita xente que veu este ano por primeira vez, e que aseguraron que van repetir na vindeira edición. Para a festa deste ano foi mes e medio de preparación, pero de cara ao ano que vén estamos pensando en ir adiantando cousas dende xa", explicou a organizadora da cita e presidenta da asociación, Noemí Pensado.

Á vez que comezan a prantexar a IX edición da cita, a Asociación da Rúa dos Viños encara agora a vindeira tempada alta, coa Semana Santa e o regreso da programación Música na Rúa, que comezará en xuño, e que o pasado verán tivo un notable éxito, ademais doutros proxectos en marcha, destinados a dinamizar a actividade na zona.

Entrega de premios
O acto trasládase a este domingo
A asociación decidiu celebrar a entrega de premios dos disfraces este domingo, a partir das 20.00 horas na Plazoleta de Compostela, por motivos loxísticos.

Premiados
Infantil: Catro clases de Padel & tenis grupais para Megan, Shura, Vega, Dana, Azahara e Emma (1° premio); Clase de surf para Antón Braña (2º); Clase de Paddle ou surfskate para Nagore Fernández (3º); e un bono por persoa para o Racing Dakart correspondentes ao 4º, 5º, 6º, 7º e 8º premio para Ainara Otero, Vera Reiriz, Martina Gómez, Julia Morgade e Kira Dios. 
Adulto: Dúas noites para dúas persoas no Thalasso Cantábrico para Rosa Martínez (1º); Noite para dúas persoas no Pazo Revel Resort para Juan Moldes (2º); Circuito de spa e masaxe para dúas persoas para Álex Trillo (3º) e vale de 50 € para gastar nun local da asociación para Ainhoa Fervenza, Cristina Valiño e Lupe Castro (4º).