A fábrica de xeo e as novas oficinas, unha segunda vida para a Confraría de Portonovo

▶ A Xunta investiu preto de 200.000 euros nas reformas, que xa contribúen a abaratar custes e a reducir o consumo enerxético
O delegado da Xunta, Agustín Reguera, visitou as instalacións. DS
photo_camera O delegado da Xunta, Agustín Reguera, visitou as instalacións. DS

A fábrica de xeo de Portonovo, unha das demandas históricas máis arraigadas entre o colectivo de pescadores, funciona a pleno rendemento tras a última renovación que botou a andar o pasado 2020, e xa comeza a dar os seus froitos, co conseguinte aforro enerxético e abaratamento de custes que a Confraría de Pescadores San Roque agardaba. Así o comprobou este mércores o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, durante unha visita ás instalacións para as que a Confraría recibiu, en total, unha achega de case .200.000 euros ao abeiro da liña de axudas da Xunta para a modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas e dos lugares de desembarque.

As actuacións centráronse, principalmente, na renovación do sistema de creación de xeo, que supuxo tamén a instalación dun novo sistema automatizado que permite ás embarcacións seleccionar a cantidade de xeo que precisan e cargala con total facilidade, segundo explicaron os representantes institucionais e do colectivo de pescadores durante a visita, na que tamén estiveron presentes o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o patrón maior da Confraría, Martín Domínguez, que asumiu o cargo a finais do pasado 2022. Para esta actuación en concreto, que consistiu en substituir o antigo silo da fábrica por un silo orbital, que conta cun sistema de extracción do xeo diferente e de maior calidade, ao mantelo en permanente movemento, a partida económica ascendeu a máis de 180.000 euros. Antes disto, a Confraría, segundo os últimos datos recollidos, viña afrontando pagos por avarías desta maquinaria en concreto, que oscilaban arredor dos 10.000 euros por cada reparación, varias veces ao ano.

A maiores, a partida achegada pola Xunta contou con outros 18.000 euros que serviron para trasladar as oficinas da Confraría dende un edificio independente ata as instalacións da lonxa. Ademais, o espazo tamén se adecuou para, ademais de acoller as novas oficinas que xa se atopan en funcionamento, albergar unha sección de duchas para que os mariñeiros poidan asearse con auga quente nas mesmas instalacións, e gañar en confortabilidade neste espazo.

O delegado da Xunta quixo destacar durante a cita que as axudas do entre autonómico deixaron na provincia de Pontevedra máis de 800.000 euros que reverten directamente a favor do sector pesqueiro e que están a permitir mellorar substancialmente as condicións de traballo e a produtividade de máis dunha decena de confrarías. Neste sentido, Reguera reafirmou a aposta da Xunta polo sector pesqueiro e marisqueiro e lembrou a importancia de "seguir apoiando a todos os que fan posible que Galicia siga sendo un referente en todo o mundo". Ademais, fixo referencia á "gran calidade dos produtos do mar galegos" que é posible, en gran parte, grazas ao "traballo coidadoso, especializado e incansable dos profesionais do mar".

Ademais de gozar actualmente dunhas condicións de usabilidade do porto notablemente melloradas, a Confraría beneficiouse recentemente da instalación de paneis solares, e agarda de cara aos vindeiros anos o proxecto de reforma da fachada marítima de Portonovo.