A Esmorga porá o broche de ouro ao Nadal en Noalla coa súa histórica cabalgata

Os Reis Magos partirán da carballeira o 6 de xaneiro pola tarde para percorrer a parroquia ▶ O día 5 poderán visitar as casas dos veciños que o soliciten
Os Reis Magos visitarán diferentes lugares da parroquia. DS
photo_camera Os Reis Magos visitarán diferentes lugares da parroquia. DS

A Asociación Xuvenil A Esmorga de Noalla pechará este ano o seu exitoso Nadal na carballeira de Noalla cunha cabalgata que porá o broche de ouro á programación, e que terá lugar o vindeiro 6 de xaneiro, a partir das 17.30 horas, segundo explicaron dende a organización, unha vez superados todos os trámites administrativos requiridos.

Así, grazas ao esforzo dos organizadores, Melchor, Gaspar e Baltasar partirán o sábado da carballeira de Noalla, para continuar pola EP-9208 ata o lugar de Aios e regresar a Soutullo, Mourelos, A Lanzada, O Casal, Tombelo, A Revolta e Os Caseiros, con remate na mesma carballeira. Así, o percorrido abarcará a meirande parte da parroquia, e próximamente a asociación informará sobre os horarios detallados a través das súas canles habituais.

Pero isto non será todo. O venres 5 pola tarde, aqueles veciños  e veciñas da parroquia que así o desexen poderán recibir aos Reis Magos nas súas casas para que realicen en persoa a entrega de agasallos.

Para isto, segundo explicaron dende a organización, tan só é necesario que as familias interesadas se poñan en contacto a través das redes sociais cun membro de A Esmorga ou que deixen o recado na cafetería da Casa Forestal de Noalla.

Deste xeito, as Súas Maxestades de Oriente asistirán o mesmo venres á misa das 19.00 horas na igrexa parroquial, e comezarán a visitar as casas a partir das 20.00 horas. O sábado 6 tamén estarán na misa das 12.00 horas. 

O colectivo quixo agradecer a colaboración do Concello de Sanxenxo e da Policía Local, xa que «sen a súa intervención non se podería realizar esta tradición que na parroquia de Noalla acada os 20 anos de historia», aseguraron.

A cita completarase con máis sorpresas que a asociación ten preparadas, entre as que se atopan unha chocolatada con degustación de rosca de Reis de balde, e anima a toda a veciñanza a gozar das últimas datas da programación.