Unha década de novo alento

Dorrón non para ▶ Mulleres Rurais de Dorrón viu a luz en 1991 coma unha das asociacións máis antigas de Sanxenxo neste eido, marcada por varias xeracións de socias. Hai dez anos que o colectivo retomou a actividade con novas ideas, actividades e un espírito renovador
Mulleres Rurais de Dorrón durante unha saída. DS
photo_camera Mulleres Rurais de Dorrón durante unha saída. DS

FUXIR do cárcere que, en silencio, chegaba a ser a vida cotiá das mulleres rurais aínda nos anos 90, foi unha das razóns polas que, incluso antes, comezaron a agromar os colectivos de mulleres rurais por todo o territorio galego. Sanxenxo non foi a excepción e, de seguido, comezaron a xurdir as primeiras asociacións de Mulleres Rurais polas parroquias, entre as que unha das pioneiras foi a de Dorrón.

Mulleres Rurais de Dorrón durante unha actividade. DS
Mulleres Rurais de Dorrón durante unha actividade. DS

Era 1991 e, daquela, xuntáranse "unhas cantas mulleres para poder facer actividades e cursos, para que non todo fora estar a traballar no campo e atender aos fillos. Tratábase de saír da casa e facer outras cousas". Quen fala é Celia Barreiro Sanmartín, a actual presidenta de Mulleres Rurais de Dorrón, quen tomou o relevo da súa predecesora hai nada menos que seis anos, nun colectivo que lle chegou por herdanza familiar. "Primeiro xa foi socia a miña nai, e logo miña irmá e eu", asegura.

A pesar de sumar uns 33 anos de vida, o colectivo acusou un baixón durante catro anos, cando a actividade se viu freada. Pero o impulso das mulleres e as ganas de aprender, de saír da casa e gozar da vida, foi moito máis forte. "Nós retomámola, e comezamos a facer cousas", asegura Celia, que durante catro anos foi vicepresidenta, ata que asumiu o seu actual cargo.

O rexurdimento de Mulleres Rurais de Dorrón cumpre agora unha década e, o colectivo, que suma actualmente 136 socias, atópase no seu mellor momento, cunha base de mulleres interxeracionais, das que "a de maior idade debe ter uns 98 anos, e a máis nova, 38". Sen embargo, á hora de participar en calquera iniciativa, os ánimos son iguais. Pode que, precisamente, pola intensa actividade que o colectivo mantén sen descanso, a listaxe de socias non fixera máis que aumentar nos últimos tempos, dende a volta á actividade. "Comezamos sendo 80 e algo", lembra a presidenta, consciente no notable aumento do interese no colectivo, no que non só participan mulleres da propia parroquia de Dorrón, senón tamén de Portonovo, Combarro, Samieira, Raxó ou Sanxenxo.

Mulleres Rurais de Dorrón durante unha celebración.DS
Mulleres Rurais de Dorrón durante unha celebración.DS

A POR TODAS. Que na variedade está o gusto teno ben claro Celia Barreiro, que se encarga de organizar as diferentes actividades nas que, sen parada, participan as socias. Desde bailoterapia que, asegura, "triunfa", pasando por ioga e pilates, unha clase da que mesmo tiveron que contratar a outro monitor para dobrar o turno, ata clases de cociña, restauración, e, por suposto, excursións, con participacións na televisión incluídas, e as súas ceas de Nadal, con sorteos e iniciativas solidarias. De feito, lembra a presidenta, xa ten en carteleira unha nova actividade que comezará o vindeiro 16 de abril, como é o curso de arte floral que, coma todas as actividades do colectivo, terá lugar na Casa Cultural de Dorrón, sede das Mulleres Rurais. Organizar todo isto, asegura a presidenta, "é un traballo que se leva ben, pero hai que moverse moito e eu procuro ir variando sen saturar", explica. De seguro, que o seu esforzo camiña cara unha década máis.