El Combo Dominicano, Panorama e Marbella, nas festas patronais de Vilalonga

Actuación de El Combo Dominicano en 2021. GONZALO GARCÍA

Un dos eventos verbeneiros máis importantes do Salnés volve logo do parón obrigado pola pandemia

As festas patronais de Vilalonga, unha das citas verbeneiras máis importantes da comarca do Salnés, recuperan o pulso tras a pandemia, e veñen de publicar o cartaz da súa edición 2022, que se celebrarán entre os días 28 de xuño e o 16 de xullo.

Na víspera de San Pedro (28 de xuño) haberá tirada de bombas pola mañá e verbena a partir das 22.30 horas, a cargo de El Combo Dominicano e Marbella. O día 29, na Festa de San Pedro, tras a tirada de bombas haberá alborada con Os Cruceiros e Os do Barro. A partir das 13.00 horas terá lugar a misa cantada e a procesión e pola noite actuarán La Oca Band e Os Satélites. En San Antón e San Roque, o día 30, repetirase a mesma fórmula con alborada a cargo de Os Cruceiros, misa, procesión e verbena, esta vez coas orquestas Panorama e Claxxon.

Cartel de las fiestas patronales de Villalonga

O domingo 3 de xullo a parroquia celebrará a Festa do Sacramento, con tirada de bombas, misa cantada e procesión, mentres que o domingo 10 terá lugar a Festa da Bicicleta-Festa do Neno, coa apertura de inscricións ás 9.30 horas no campo da festa. Ás 10.30 horas comezará a Festa da Bicicleta con saída e volta na Praza Pública, e que percorrerá toda a parroquia. Ao remate, entregaranse as medallas para todos os participantes, e haberá agasallos e sorteos.

Ás 17.00 horas dará comezo a Festa do Neno, con inchables que se instalarán no campo do Revel, un mini aquapark composto de tobogán acuático, inchables acuáticos, e que contará con música e monitores que atenderán aos cativos.

Xa o sábado 16 celebrarase a Festa do Carmen, que comezará coa tirada de bombas pola mañá. Ás 10.30 horas sairá a Virxe da igrexa de Vilalonga ata o lugar de Rouxique, onde se celebrará a misa ás 11.00 horas, para continuar en procesión ata As Cachadas, lugar de inicio da tradicional Romaría do Carmen, na que participarán Os Cruceiros e a Banda Militar da Brilat de Pontevedra. Ás 15.00 horas haberá sardiñada, coa actuación de Prisma e Punto Cero e ás 19.00 horas a xornada festiva rematará con misa e procesión.